Nova
10/06/2021
Institucionais

Lete salienta o papel das novas tecnoloxías na saúde que permiten que pediatras, profesores e responsables deportivos coñezan as valoracións físicas dos cidadáns

18 técnicos municipais fórmanse na Escola Galega de Administración Pública sobre ‘Novas tecnoloxías para a promoción da actividade física e a saúde a disposición dos concellos galegos’

Santiago, 10 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou aos 18 técnicos municipais na última xornada do curso que desde o pasado martes 8 de xuño reciben na Escola Galega de Administración Pública dirixido pola Fundación Deporte Galego e que xira sobre ‘Novas tecnoloxías para a promoción da actividade física e a saúde a disposición dos concellos galegos’.

O curso intenta afondar no coñecemento de diferentes aplicacións de saúde e actividade física e na súa utilización en diferentes grupos de idade para avaliar a condición física e o risco cardiovascular; prescribir actividade física, identificación de indicadores de saúde e seguimento e control dos mesmos e deseñar estratexias de motivación e gamificación para grandes grupos poboacionais e diferentes idades. Neste sentido, Lete Lasa lembrou a importancia da coordinación entre departamentos en prol da saúde que permite fitos como o convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2020 entre Educación, Sanidade e Deporte co obxectivo de impulsar unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil e promover estilos de vida activa nos escolares galegos. Deste xeito, as 32.251 valoracións realizadas ata o momento por DAFIS a 18.287 persoas diferentes están ao alcance dos pediatras, os profesores e os responsables deportivos para prescribir actividade física de xeito máis axustado e en consonancia coas necesidades de cada neno.

O secretario xeral destacou tamén o éxito dunha plataforma como DAFIS que foi galardoada co segundo accésit dos Premios Naos 2019 na categoría de promoción da práctica da actividade física no ámbito escolar, así como co recoñecemento da oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar, en 2018.

Este é o segundo curso que a Fundación Deporte Galego imparte nas últimas datas tras a realización das xornadas sobre ‘A figura do promotor de exercicio e saúde en concellos galegos’ dirixidas a unha vintena de técnicos deportivos locais (27, 28 e 29 de abril) e que tamén contou coa participación do secretario xeral para o Deporte.