Lete une a filosofía do Camiño coa marcha ‘Ultreia’ organizada polo Diario de Pontevedra que cada ano incrementa os seus “peregrinos”
A marcha, que reuniu a máis de medio milleiro de participantes en 2024, une Tui e Pontevedra nunha ruta de 52 quilómetros
Pontevedra, 20 de febreiro de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe na presentación da sétima edición da marcha ‘Ultreia’ organizada polo Diario de Pontevedra, co patrocinio da Xunta de Galicia, e que une a praza San Fernando de Tui coa rúa do Gorgullón en Pontevedra a través de 52 quilómetros que unen as dúas localidades máis importantes da parte galega do Camiño Portugués.
Lete Lasa destacou a importancia dunha iniciativa coma esta que, ano tras ano, incrementa o seu número de participantes. Neste sentido, na última edición de 2024 congregou a máis de medio milleiro de “peregrinos” que, segundo os datos de inscricións, serán superados neste 2025. Do mesmo xeito, dixo o secretario xeral, o número de compostelas entregadas na Oficina do Peregrino medra cada ano e en 2024 acadouse o récord absoluto con medio millón. Unha alta porcentaxe tanto dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago como os participantes da ‘Ultreia’ son de fóra de Galicia, polo que destacou “a importancia que ten esta marcha tanto para a saúde da poboación como para o turismo de Galicia”.
O responsable do Deporte galego resaltou, ademais, a posibilidade que teñen os participantes de realizar a distancia da ruta na que máis cómodos se sintan podendo escoller a curta (18 km ata O Porriño), a media (33 km ata Redondela), a longa (40 km ata Ponte Sampaio) ou a ‘Ultreia’, que implica completala na súa totalidade.