Lete vincula o éxito da festa HQR! co gran momento do deporte base galego con preto de 150.000 nenos e nenas no programa Xogade
Resalta a capitalidade do Centro Galego de Tecnificación Deportiva nesta Festa HQR! e indica que a súa futura conversión nun centro integrado de alto rendemento e tecnificación posibilitará que o deporte base de Galicia siga a medrar da man de iniciativas tan importantes coma esta
Pontevedra, 11 de decembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na presentación da Festa HQR! que terá lugar en Pontevedra do 22 ao 29 de decembro como unha das citas de promoción do deporte base máis importantes de Galicia contando con 22 disciplinas deportivas e 28 actividades. Lete Lasa destacou o éxito desta iniciativa do Diario de Pontevedra iniciada no ano 2000 que xa contabiliza preto de 100.000 deportistas participantes dun milleiro de clubs dende a súa primeira edición.
Neste sentido, o secretario xeral uniu o éxito da Festa HQR! co bo momento que atravesa o deporte galego e, máis en concreto, o deporte de base de Galicia con case 150.000 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos mutualizados no programa Xogade e que representan o 60% de todos os escolares de Galicia entre esas idades.
Lete Lasa uniu o espírito desta iniciativa co lema do Pontevedra Club de Fútbol dos anos 60 que disputou seis tempadas en Primeira División. O ‘Hai que roelo!’ representa as siglas do HQR! para empapar a filosofía do programa do esforzo, traballo en equipo e ilusión propios do deporte pontevedrés.
Ademais, o secretario xeral resaltou a capitalidade do Centro Galego de Tecnificación Deportiva nesta Festa HQR! e indicou que a súa futura conversión nun centro integrado de alto rendemento e tecnificación posibilitará que o deporte galego e, sobre todo, o deporte base de Galicia, sigan a medrar da man de iniciativas tan importantes como o HQR!