Nova
24/08/2022
Institucionais

A “maior festa do balonmán galego” chega a Cangas coa celebración da Copa e Supercopa Galicia nesta fin de semana

O Pavillón O Gatañal de Cangas acollerá os vindeiros 26, 27 e 28 de agosto a Copa e Supercopa de Galicia coa presenza dos mellores equipos da comunidade, tanto masculinos coma femininos

 

Cangas, 24 de agosto de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu este mércores á presentación da Copa e Supercopa Galicia de balonmán. A competición celebrarase os vindeiros 26, 27 e 28 de agosto nas instalacións do Pavillón O Gatañal de Cangas, e reunirá aos mellores equipos tanto a nivel masculino coma feminino do territorio galego.

Lete Lasa destacou o traballo que están a facer dende clubs e institucións coma a Federación Galega de Balonmán, á cal definiu coma unha das máis proactivas e innovadoras, para que pouco a pouco, segundo as súas verbas o balonmán galego vaia recuperando a súa posición privilexiada no contexto nacional, coma a que xa gozara na temporada 96-97 co Teucro, Octavio, Cangas e Chapela disputando a mellor liga do mundo.

Por último o mandatario galego animou a achegarse a Cangas nesta fin de semana para desfrutar “da maior festa do balonmán galego”. Neste sentido lembrou como o en 2021, a competición celebrouse con restricións por mor da pandemia pero sinalou que, nesta ocasión, grazas ao esforzo de todos os galegos, volve con toda a súa forza.

Semifinais e finais

No caso da Copa Galicia masculina participan os equipos galegos de segundo nivel, contando cos 8 equipos de 1ª nacional e os 8 primeiros clasificados de 1ª autonómica. Xa disputados os octavos e cuartos de finais, o U.B. Lavadores de Vigo, o Carnes Doribeiro de Ourense, o C.B Porriño e o Bueu Atlético Balonmán mediranse esta fin de semana para coñecer ao campión galego.

No cadro feminino participan os 4 equipos de Prata e os 4 primeiros da 1ª Autonómica. Unha vez disputados os cuartos de finais, xogarán esta fin de semana o C.B. Porriño B, o Asmubal Meaño, o Calvo Xiria e o Balonmán Cañiza por facerse coa coroa galega.

A Supercopa pola súa banda recolle aos mellores equipos galegos, no caso feminino os dous equipos de División de Honor, C.B. Porriño e o C.B. Atlético Guardés e na categoría masculina, os equipos de Asobal Prata e os 4 primeiros da Liga Nacional que pelexarán por obter unha praza nas semifinais e final. Os dous equipos de Asobal -Cangas e Cisne- e o Lalín e o Novás tentarán dar a sorpresa para proclamarse supercampións.