Nova
02/02/2024
Institucionais

Mañá, sábado, abre o prazo para a adhesión de novos establecementos, incluídos ópticos e ortopédicos, á campaña do Bono Deporte

O prazo para as novas adhesións comeza mañá sábado e será de 15 días naturais, rematando o vindeiro 19 de febreiro. A descarga dos bonos para as familias permanecerá activa ata o 29 de febreiro

Santiago, 2 de febreiro de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 30 de xaneiro de 2024 pola que se abre un novo prazo para a adhesión dos establecementos comerciais, entidades deportivas e prestadores de servizos deportivos ao Bono Deporte, e se modifica o anexo I da Orde do 5 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas. As novas modificacións permitirán a inclusión de novos establecementos ao programa do Bono Deporte que xa conta con máis de 111.500 bonos descargados e un gasto de 7,8 millóns de euros. O prazo para as novas adhesións comeza mañá sábado e será de 15 días naturais, rematando o vindeiro 19 de febreiro.

Cómpre salientar que o primeiro prazo de adhesión comezou o pasado 12 de decembro de 2023 e rematou o 2 de xaneiro de 2024, seis días antes do inicio da campaña. Neste primeiro prazo adheríronse un total de 703 establecementos -456 comercios e 246 clubs-. O novo prazo de adhesión permitirá incrementar o número de establecementos comerciais, entidades deportivas e prestadores de servizos deportivos nos que os beneficiarios poidan realizar as actividades obxecto do programa como son a compra de material e equipamento deportivo para o menor, e a contratación de servizos relacionados coa práctica da actividade deportiva.

Ademais cómpre salientar que, grazas a modificación dos anexos da orde, tamén poderán adherirse os establecementos cuxos epígrafes do Imposto de Actividades Económicas estean relacionados coa óptica e a ortopedia -instrumentos ópticos e material fotográfico, instrumentos médicos e ortopédicos, aparatos médicos e ortopédicos, así como ópticos, optometristas e podólogos-.

O Bono Deporte ten por finalidade axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade. Cada neno ou nena recibe 120 euros para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas, tratándose dun desconto do 80% nos gastos ata chegar a eses 120 euros para cada caso. A descarga do Bono Deporte permanecerá activa ata o vindeiro 29 de febreiro.