Nova
11/07/2017
Eventos

Marta Míguez anima aos máis de 200 nenos e nenas do campamento Soño Olímpico de Ribeira a continuar co “camiño de perfeccionamento do taekwondo”

A secretaria xeral para o Deporte participou nunha sesión de defensa persoal dirixida por Eva Calvo, subcampioa olímpica en Río 2016, da que dixo ser “unha das mellores taekwondistas do noso país”

Riberia (A Coruña), 11 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na tarde de hoxe no evento de combate do Campamento Internacional Soño Olímipico organizado polo club Natural Sport Videlgi que conta coa participación de máis de 200 nenos e nenas e uns 20 adestradores. Alí, a secretaria xeral animou aos participantes a continuar polo camiño “do deporte, do sacrificio, da constancia, da resiliencia e do esforzo”, valores que identificou como “a receita do éxito”. “Con esforzo e traballo todo chega e seguindo o camiño de perfeccionamento do taekwondo chegaredes aos lugares marabillosos cos que soñades hoxe”.
Marta Míguez gabou o taekwondo como “un deporte inmellorable para a nosa sociedade, tanto por ser deporte e fomentar uns hábitos de vida saudables como por todos os valores que transmite”.
No evento de combate do Campamento Internacional, a máxima responsable do deporte autonómico participou nunha sesión de defensa persoal dirixida por Eva Calvo, subcampioa olímpica en Río 2016, da que dixo ser “unha das mellores taekwondistas do noso país”.
Así, a secretaria xeral falou de que o camiño do deporte tamén conta cunha característica de gran importancia como é a igualdade. “O deporte é global, universal, para todos e para todas. O deporte non entende de xéneros, nin de idades, nin de circunstancias ou condicións. O deporte é, en definitiva, algo que todos debemos compartir”, concluíu.