Nova
03/02/2017
Federativas

Marta Míguez asegura que a Xunta amosa “total apoio á construción do rocódromo na cidade de Lugo sempre que se garanta a adecuación da inversión e a súa viabilidade”

Afirma que “o obxectivo de todas as nosas accións sempre será a constante procura das mellores condicións para a nosa Comunidade e, como non, das mellores instalacións deportivas”

Santiago, 3 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte,  Marta Míguez Telle, compareceu esta mañá na comisión primeira de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia para responder á pregunta oral sobre a construción dun rocódromo na cidade de Lugo. Na cámara parlamentaria, a titular de Deporte destacou que o posicionamento da Xunta neste tema é “ben claro” amosando “total apoio á construción do rocódromo na cidade de Lugo sempre que se garanta a adecuación da inversión e a súa viabilidade”. Así tamén citou a Lei do Deporte que establece como competencia de todas as administracións públicas “a planificación e promoción dunha rede de instalacións deportivas que posibilite a xeneralización práctica da actividade deportiva”.
Nas súas verbas, a secretaria xeral categorizou que “o obxectivo de todas as nosas accións sempre será a constante procura das mellores condicións para a nosa Comunidade e, como non, das mellores instalacións deportivas”. Nesta liña, Marta Míguez falou dos importantes beneficios que podería xerar o rocódromo en Galicia tanto na actividade deportiva federada -a Federación Galega de Montañismo e a Federación Galega de Espeleoloxía suman máis de 5.000 licencias deportivas-, coma no deporte base con actividades deseñadas para aos máis pequenos ou no deporte orientado ás persoas con discapacidade a través de propostas encamiñadas a ser unha vía de inclusión social e desenvolvemento. Ademais, a secretaria xeral lembrou que a escalada deportiva será deporte olímpico en Tokío 2020 e apuntou que “Galicia ten que apoiar todos aqueles deportes nos que os nosos atletas teñan oportunidades de acadar éxitos, máxime nos Xogos Olímpicos nos que xa contamos con 19 medallas”. A nivel social, afirmou que esta infraestrutura axudará “a contribuír a crear unha Galicia máis activa e saudable”.
No entanto, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico sinalou que “antes da realización de calquera investimento da Secretaría Xeral realízase un exhaustivo estudo da situación atendendo aos criterios de necesidade e urxencia”. Deste xeito, o rocódromo de Lugo é unha instalación “que debe pasar por este proceso de avaliación para garantir o acerto, a viabilidade e, ante todo a eficacia e a eficiencia na utilización dos recursos”.
A secretaria xeral concluíu asegurando que “unha vez analizada a inversión e comprobada a súa adecuación, a Xunta de Galicia será a primeira en apoiar a súa realización, porque a nosa vontade é que esta infraestrutura sexa unha realidade na cidade de Lugo”.     
Boa sintonía
Respecto das tres reunións que xa se levaron a cabo e nas que a Xunta de Galicia sempre estivo presente, Marta Míguez valorou que “desde que o proxecto chegou as nosas mans, a disposición do Goberno galego foi máis que positiva para escoitar a proposta e intentar acadar a súa viabilidade”.
Para isto, dixo a secretaria xeral, “o contacto da Xunta con todas as partes foi constante é fluído tanto dentro como fóra destas reunións”. Neste sentido destacou “a boa sintonía e a boa disposición existente entre Concello, Deputación e Xunta”.  
Así, Marta Míguez anunciou que “nos vindeiros días producirase unha nova reunión na que a xerencia do Padroado do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo presentará ás institucións un orzamento definitivo e un estudo e análise das actividades e da viabilidade do rocódromo”.