Nova
04/12/2018
Institucionais

Marta Míguez augura “moitos éxitos” ao Club de Piragüismo Fluvial de Avión nesta nova tempada e destaca a súa aposta polo deporte feminino e de base

Lembra as obras de mellora do Parque Náutico de Castrelo de Miño nas que a Xunta investiu 21.671,55 euros para a renovación das pasarelas de acceso e sistema de fixación dos tres pantaláns garantindo que non se despracen debido a un novo sistema de amarre

 

Castrelo de Miño (Ourense), 4 de decembro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na xornada de hoxe na presentación do club de piragüismo fluvial de Avión. Alí augurou “moitos éxitos” a un club que suma 42 fichas -17 mulleres e 25 homes- e 22 nenas e 32 nenos na escola deportiva que tivo ligar nos meses de xullo e agosto. Ademais, celebrou que o club gañara nesta tempada a Liga Galega Máster Feminina. “Animámosvos a traballar na promoción da participación feminina e na transmisión de conceptos como a tolerancia, o esforzo e o traballo en equipo”, apuntou.

Tras gabar a traxectoria do piragüismo galego, marca de país, Marta Míguez salientou a importancia da conservación do medio ambiente, neste caso os ríos que son “espazos para a convivencia e desenvolvemento deportivo, puntos de referencia para o tempo de lecer e mesmo para o turismo deportivo do que estamos a facer bandeira na nosa comunidade autónoma”.

Do mesmo xeito, nas súas verbas recordou as obras de mellora do Parque Náutico de Castrelo de Miño nas que a Xunta investiu 21.671,55 euros para a renovación das pasarelas de acceso e sistema de fixación dos tres pantaláns garantindo que non se despracen debido a un novo sistema de amarre.

A secretaria xeral salientou tamén a iniciativa do club que inclúe deportistas asociándose ao Club Náutico Castrelo de Miño. Deste xeito, o club de Avión poderá desenvolver a súa actividade deportiva nunhas instalacións máis axeitadas. “O crecemento e a mellora no deporte radica na colaboración e na asociación entre todos os axentes do tecido”, dixo.