Nova
28/10/2017
Federativas

Marta Míguez destaca o remo como un deporte “no que se unen moitos dos valores da terra galega: esforzo, sacrificio, cultura, tradición, traballo e mar”

Fai alusión ás 2.189 licencias federativas que supoñen “o maior número de licencias da serie histórica desde 2009 e que representa un aumento do 40% desde aquel ano”

Marín (Pontevedra), 28 de outubro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no día de hoxe na III Gala do Remo Galego celebrada no IES Illa de Tambo de Marín. Alí, a máxima responsable do Deporte galego asegurou que o deporte do remo é un deporte “no que se unen moitos dos valores da terra galega: esforzo, sacrificio, cultura, tradición, traballo e mar”.
Tras repasar a historia das traíñas e do remo en Galicia, a secretaria xeral apuntou que “tanto nas regatas de remo de banco fixo como nas de remo de banco móbil, Galicia sempre está ben representada cuns deportistas que conseguen, xeralmente, os primeiros banzos dos podios”. Neste sentido fixo referencia aos 14 remeiros e remeiras galegos e galegas que disputaron os Xogos Olímpicos, unha representación tan só superada polo atletismo e o piragüismo na historia olímpica galega.
Así tamén, Marta Míguez fixo alusión ás 2.189 licencias federativas que supoñen “o maior número de licencias da serie histórica desde 2009 e que representa un aumento do 40% desde aquel ano”. “Medra tamén a partición feminina que no 2009 representaba apenas un 19% e hoxe xa chegamos ao 26%”, engadiu.
Nas súas verbas, a responsable de Deporte comprometeu o apoio da Xunta de Galicia ás iniciativas da Federación Galega de Remo e da Liga Galega de Traíñas que realizan “unha gran xestión do remo en Galicia”.