Nova
31/05/2018
Institucionais

Marta Míguez destaca a tradición como o factor clave que converteu ao Rallye de Ourense nunha das “mellores probas de automobilismo de España”

Respecto ás 50 probas que se levan disputado do Rallye de Ourense destacou que 46 edicións foron puntuables para o Campionato de España de Rallyes de Asfalto e dúas -nos anos 79 e 80- foron puntuables para o Campionato de Europa

Ourense, 31 de maio de 2018.- Asecretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na presentación do 51º Rallye de Ourense – Ourense Termal que tivo lugar na emblemática Ponte Romana de Ourense. Alí, a responsable do Deporte galego destacou algúns dos elementos máis destacados da cidade das Burgas e subliñou que “o Rallye de Ourense non ten nada que se lle pareza no resto dos rallyes de asfalto deste país”. Unha proba que xa a contemplan medio centenar de edicións “máis que suficientes para ter claro o potencial dunha das mellores probas de automobilismo de España”, engadiu. Para Marta Míguez, “todo isto foi conseguido con xente de aquí, amantes da nosa cidade e do noso deporte, porque se o Rallye de Ourense chegou tan lonxe foi grazas a uns cimentos asentados sobre a tradición”.

Neste sentido, falou de Estanislao Reverter, “pai da Escudería Ourense e gran ideólogo desta proba”. Un home que, segundo as verbas da secretaria xeral, regalou á cidade de Ourense “unha escudería que lle dá sentido a toda a paixón ourensá polo automobilismo, un coche invencible creado polas súas propias mans de cirurxián, o Alpinche, e un rally que hoxe é considerado como un dos mellores tanto no panorama autonómico como no nacional e mesmo no internacional”.

Respecto ás 50 probas que se levan disputado do Rallye de Ourense, Marta Míguez destacou que 46 edicións foron puntuables para o Campionato de España de Rallyes de Asfalto e dúas -nos anos 79 e 80- foron puntuables para o Campionato de Europa. Deste xeito agradeceu a confianza depositada no rally ao presidente da Real Federación Española de Automobilismo, presente no acto.

A 51ª edición do Rallye de Ourense – Ourense Termal contará con máis de 500 quilómetros de percorrido e 10 tramos cronometrados aos que se enfrontarán un total dunhas 80 parellas de pilotos e copilotos. Cómpre destacar que na primeira edición do rally, no ano 1967, participaron tan só 42 vehículos.