Nova
12/12/2017
Institucionais

Marta Míguez presenta o trofeo inaugural que porá en marcha a nova pista cuberta de Ourense como “un fito que marca unha nova época no atletismo galego”

Informa que Expourense encargarase do coidado e mantemento da pista polo que proximamente será asinado un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte

Ourense, 12 de decembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na mañá de hoxe no Salón de Plenos do Concello de Ourense na presentación do Trofeo Inaugural Pista Cuberta de Ourense que porá en marcha a nova infraestrutura deportiva ourensá como unha das mellores pistas hidráulicas cubertas de España. A responsable de Deporte salientou que este trofeo, que se celebrará o vindeiro sábado 16 en sesión de mañá e tarde, “marca unha nova época no atletismo galego, unha época na que todos os atletas poderán ter á súa disposición unha pista que conta coa tecnoloxía máis avanzada, que lles dará un plus de motivación, que será un referente a nivel nacional e un reclamo para que os mellores deportistas queiran vir competir a Ourense”.
Así, Marta Míguez identificou a inauguración da pista como “un fito na historia do deporte en Galicia e en Ourense, así como na historia do atletismo”. “Que mellor xeito de realizar esta inauguración que mediante a organización dunha competición de atletismo xa que son os atletas, os deportistas e a sociedade en xeral, os destinatarios e os beneficiarios desta infraestrutura deportiva deste calibre”.
Tras agradecer o traballo “conxunto e colaborativo” a Expourense, ao Concello de Ourense e é Federación Galega de Atletismo, a titular de Deporte informou que a propia Fundación de feiras e exposicións de Ourense encargarase do coidado e mantemento da pista polo que proximamente será asinado un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte. É preciso, dixo, que a pista “estea nas mellores mans, que reciba unha atención coidada, constante e profesional que a manteña en perfecto estado para estar a punto cando sexa solicitada para unha competición”.
Trofeo Inaugural Pista Cuberta de Ourense
O Trofeo Inaugural Pista Cuberta de Ourense (organizado polo Concello de Ourense, Expourense e a Federación Galega de Atletismo co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte) contará na súa xornada de mañá la fase final da Liga Abanca para as categorías benxamín, alevín e infantil. Mentres que pola tarde haberá distintas probas para todas as categorías de idades.
Nela terán lugar os campionatos de Galicia máis importantes da tempada e xa está confirmado o primeiro Campionato de España que será o Sub 20 durante os días 3 e 4 de marzo de 2018.