Nova
21/11/2018
Institucionais

Marta Míguez salienta a importancia da investigación científica na apertura do Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte que se celebra en Coruña ata o día 23

A secretaria xeral para o Deporte lembrou que “o feito deportivo é básico para a transformación e desenvolvemento da sociedade e ocupa un espazo fundamental na acción do Goberno da Xunta de Galicia”.

A Coruña, 21 de novembro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte participou esta mañá na apertura do Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte que ten lugar en A Coruña ata o vindeiro venres día 23. Marta Míguez incidiu na importancia da investigación científica do feito deportivo e salientou a labor dos poñentes e conferenciantes do Congreso polo seu traballo “tentando dar respostas nos distintos ámbitos, desde o terreo científico ata as solucións técnicas e tecnolóxicas”.

A titular do Deporte Galego enfatizou que “o deporte é un feito básico e piar fundamental para a transformación e desenvolvemento da sociedade e ocupa un espazo fundamental na acción do goberno da Xunta de Galicia”. Lembrou ademais que na SXD “traballamos para que o Deporte entre na vida diaria de cada galego e galega conscientes dos grandes valores que achega a súa práctica e os beneficios que esta supón para a saúde de toda a sociedade no seu conxunto”. Por este motivo, remarcou, “tentamos fomentar a actividade deportiva de modo transversal desde a educación ata o ámbito da igualdade, desde a sanidade ata o ámbito laboral, apoiando aos deportistas de base e no alto rendemento”.

Marta Míguez resaltou o traballo dos profesionais que participan no Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte e suliñou a importancia das súas achegas en medicina, fisioloxía, biomecánica , psicoloxía e socioloxía do deporte, o ámbito educativo, o adestramento deportivo e mesmo coa utilidade do socorrismo e os primeiros auxilios en emerxencias deportivas.

A Secretaria xeral para o Deporte explicou que o traballo dos expertos nos distintos ámbitos vinculados ao feito deportivo “é fundamental para o seu desenvolvemento e garante o seu futuro nas mellores condicións” e felicitou aos poñentes e expertos que participan da décima edición deste congreso internacional “por ser parte co-responsable dos avances e innovacións técnicas dos últimos anos”. Neste sentido animoulles a “seguir progresando para ofrecer máis posibilidades e beneficios aos nosos cidadáns e deportistas” porque, engadiu “se sabemos coidar aos nosos deportistas estaremos mellorando a calidade de vida da poboación e creando unha Galicia mellor, máis saudable e activa, apoiada no bo traballo de grandes profesionais”.