Nova
30/08/2018
Institucionais

Marta Míguez sitúa á comarca de Arousa como “unha gran potencia baloncestística” na presentación da cuarta edición do Torneo Encestarías

O Alba de Berlín, o UCAM Murcia, o Herbalife Gran Canaria e o Monbus Obradoiro completan o cartel da que será “toda unha festa do baloncesto autonómico, nacional e internacional”

 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 30 de agosto de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na presentación do IV Torneo EncestaRías que terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro no pavillón de Fontecarmoa. Nas súas verbas a titular do departamento de Deporte salientou que “Vilagarcía é todo un referente do baloncesto autonómico e nacional, unha das cidades onde este deporte ten maior arraigo tanto na vertente masculina como na feminina” o que converte a toda a comarca de Arousa nunha “gran potencia baloncestística”.

Con respecto á cuarta edición do Torneo EncestaRías, ao que definiu como “un dos mellores torneos de baloncesto de Galicia”, Marta Míguez apuntou que o campionato está ante un ano de consolidación ao ser a primeira edición que conta con presenza internacional. O Alba de Berlín, o segundo mellor equipo de Alemaña, participará no torneo adestrado por Aíto García Reneses ao que a secretaria xeral tamén fixo referencia. O UCAM Murcia, o Herbalife Gran Canaria e o Monbus Obradoiro completan o cartel da que será “toda unha festa do baloncesto autonómico, nacional e internacional”.

Esta edición do Torneo EncestaRías servirá segundo Marta Míguez para “coller folgos para as vindeiras tempadas porque o Torneo Encestarías aínda ten moito camiño por percorrer”. Por último a secretaria xeral fixo referencia ao coidado do deporte base destacando o Campus EncestaRías, unha novidade nesta edición, que tivo lugar do 9 ao 14 de xullo para rapaces de 12 a 20 anos.