Nova
15/03/2017
Federativas

Marta Míguez visita Coca-Cola e resalta o traballo realizado pola marca “en prol do deporte, de Galicia e dos galegos”

Marta Míguez e o equipo de Coca-Cola estudaron posibles vías de colaboración en proxectos deportivos e de igualdade

A Coruña, 15 de marzo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, desprazouse esta mañá á cidade da Coruña para realizar unha visita guiada á planta embotelladora de Coca-Cola European Partners. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico coñeceu de primeira man os proxectos relacionados co deporte, tanto a nivel profesional como afeccionado, que a marca de refrescos está a levar a cabo. A secretaria xeral valorou positivamente todo o traballo realizado por Coca-Cola “en prol das actividades que interesan a nivel local, de Galicia e dos galegos” xa que, neste caso, “a través do exercicio físico acádase un nivel óptimo de benestar”. Neste punto destacou o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable nace “para evitar un dos grandes problemas do século XXI, o aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física”. “Xuntos, institucións públicas e empresas privadas conseguiremos que a poboación fisicamente activa chegue a cotas próximas ao cen por cen”.
Tras estudar posibles vías de colaboración nos proxectos deportivos, o equipo de Coca-Cola European Partners amosou á secretaria xeral a súa programación ao redor da figura da muller e na defensa da igualdade, con motivo da conmemoración a semana pasada do Día Internacional da Muller. Marta Míguez subliñou a importancia de eventos que procuran “a igualdade efectiva entre as persoas do noso país” e mirou cara o deporte como “motor de cambio social pola súa capacidade igualadora e xeradora dunha imaxe máis positiva das mulleres”.
Esta é a segunda visita que Marta Míguez realiza á Coca-Cola tras acudir en decembro á presentación do calendario ‘Galegos e campións’ de Coca-Cola que desde “2012 recolle no seu interior 312 medallas en Olimpíadas, Mundiais, Europeos e outras competicións internacionais, acadadas por 90 atletas”. Cómpre destacar a importancia da diversidade no deporte xa que dos 90 atletas, 44 son mulleres e case un 20% (17) son deportistas que presentan algunha discapacidade.