Martín De la Puente gaña o WC50 Geneva – ITF Futures Swiss Open
O tenista galego Martín De la Puente continúa a realizar unha brillante tempada tras proclamarse campión do WC50 Geneva – ITF Futures Swiss Open, torneo pertencente ao circuíto internacional de tenis en cadeira de rodas da ITF e disputado do 14 ao 18 de xullo en terra batida en Ginebra (Suíza).
O vigués volveu demostrar o seu excelente estado de forma, completando unha semana destacada na que gañou o título individual e chegou á final de dobres, reafirmándose como un dos grandes referentes do circuíto internacional.
Na competición individual, De la Puente comezou a súa participación directamente na segunda rolda, onde derrotou ao británico Ben Bartram por 6-2 e 6-1. Nos cuartos de final, despachou ao xaponés Daisuke Arai cunha sólida vitoria por 6-1 e 6-3, mentres que nas semifinais volveu amosar un alto nivel de xogo, derrotando de forma decisiva a Takuya Miki (Xapón) por 6-1 e 6-1.
Na final, o xogador galego ofreceu unha das súas mellores actuacións da semana para derrotar ao británico Gordon Reid, segundo cabeza de serie do torneo, por 7-5 e 6-0, e así alzarse co trofeo sen perder nin un só set en toda a competición.
O éxito de De la Puente non rematou aí. Nos dobres, facendo parella co estadounidense Casey Ratzlaff, chegou á final tras un gran torneo. A parella caeu no partido decisivo contra o francés Stéphane Houdet e o chino Zhenxu Ji por 7-5 e 6-3
Con este novo título individual e o subcampionato en dobres, Martín De la Puente continúa ampliando o seu brillante palmarés internacional e afronta os próximos compromisos da tempada coa máxima confianza.
Parabéns, Martín, por este novo éxito internacional!