Nova
20/01/2023
Institucionais

Medio milleiro de atletas apoiarán a Gustavo Dacal o domingo no CGTD: “o escenario onde bateu o récord de España e onde forxou o seu carácter loitador”

A recadación da inscrición irá destinada a recadar fondos para costear o tratamento contra a enfermidade que mantén ao de Ponte Caldelas ingresado en México

Pontevedra, 20 de xaneiro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o control solidario da Federación Galega de Atletismo ‘Axuda a Gustavo Dacal’ que terá lugar este domingo no propio CGTD e no que participarán máis de medio milleiro de atletas co obxectivo de apoiar ao lanzador galego e recadar fondos para costear o tratamento contra a enfermidade que o mantén ingresado en México. Neste sentido, a recadación da inscrición irá destinada a este respecto.

O mandatario galego destacou a fortaleza e o espírito loitador de Gustavo Dacal, que amosou en máis dunha ocasión. Neste sentido lembrou como o propio CGTD foi o escenario no que o lanzador de xavelina de Ponte Caldelas bateu o récord de España en 2003 cunha marca de 78,88 metros. Naquel momento, a federación española non recoñeceu o seu récord alegando problemas na homologación da xavelina e na súa vestimenta. Lete Lasa lembrou a constancia de Gustavo Dacal que recorreu á xustiza ata que a súa marca foi recoñecida en 2009, seis anos despois.

Do mesmo xeito, o secretario xeral para o Deporte lembrou a lección que deu Dacal, cando a dúas semanas dos Xogos Olímpicos de Atenas aos que non puido asistir por lesion, competiu no Campeonato de España coa man rota e rematou levantando o cetro nacional que, ao longo da súa carreira, gañaría ata en dez ocasións.

Con estes precedentes, Lete Lasa asegurou que “o ocorrido en México converterase, de novo, noutra mala xogada do destino burlada polo gran Gustavo Dacal”.