Nova
22/03/2018
Institucionais

Míguez destaca que as xornadas de ‘Promoción e prescrición da actividade física na empresa’ axudarán a “achar co sedentarismo e acadar un maior nivel de actividade física”

Comunica o obxectivo de poder transferir a plataforma DAFIS do Plan Galicia Saudable ao ámbito laboral galego e que “toda a sociedade se poida ver beneficiada dunha iniciativa que mellorará a nosa saúde a través da práctica regular de actividade física”

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, vén de presentar as xornadas de ‘Promoción e prescrición da actividade física na empresa’ que tiveron lugar en Ourense e que na xornada de mañá se desenvolverán na Coruña. Nestas dúas xornadas técnicas, organizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) abórdnase temas relativos á promoción da actividade física na empresa así como outros temas relacionados con hábitos saudables, tales como a alimentación.

Nas súas verbas a responsable do Deporte galego, salientou que existen tres obxectivos primordiais que todos os traballadores e traballadoras teñen que conseguir como son “rachar co sedentarismo, acadar un maior nivel de actividade física e manter un nivel de condición física saudable que mellore a saúde a a calidade de vida”.

A secretaria xeral afianzou o compromiso da Xunta de Galicia co obxectivo de acadar unha sociedade activa e saudable como demostran todas as actuacións levadas a cabo desde o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable.

Dentro dos distintos programas do Plan Galicia Saudable, Marta Míguez destacou a plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) que “ten demostrado ser unha plataforma útil para o seguimento da evolución da condición física saudable do alumnado de Educación Primaria e Secundaria en Galicia, así como a evolución do IMC da poboación escolar avaliada, podendo establecer correlacións entre ambos parámetros”. Ata o momento lévanse realizado 11.648 valoracións dos rapaces e rapazas galegos coa participación de 52 centros educativos, conseguindo metas tan importantes como o descenso dun punto da taxa de obesidade en Friol (Lugo) ou o descenso de 2 puntos na taxa de obesidade e sobrepeso en Teis (Vigo).

Segundo a responsable da carteira de Deporte, “o obxectivo é poder transferir este programa de loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade infantil ao ámbito laboral galego e que toda a sociedade se poida ver beneficiada dunha iniciativa que mellorará a nosa saúde a través da práctica regular de actividade física, exercicio físico e deporte”. “O ámbito laboral debe servir como pulo para que toda a sociedade cambie o seu paradigma e opte por un estilo de vida activo e saudable”, concluíu.