Nova
05/11/2018
Institucionais

Míguez participa na constitución da Comisión Sectorial de Deporte que desenvolve unha actuación coordinada entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas

A xornada de traballo que se estenderá ata mañá tivo lugar na sede do Consello Superior de Deportes e tamén contou coa presenza da presidenta, María José Rienda, así como dos responsables en materia de deporte das diferentes comunidades autónomas

 

Madrid, 5 de novembro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no serán de hoxe na primeira xornada da Comisión Sectorial do Deporte. Nesta reunión constituíuse a propia Comisión como órgano de traballo e apoio de carácter xeral da Conferencia Sectorial que é o órgano de cooperación entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas en materia de deporte coa finalidade do desenvolvemento dunha actuación coordinada na devandita materia con atención aos principios de lealdade institucional, cooperación e respecto recíproco no exercicio das competencias que as administracións teñen atribuídas. A xornada de traballo que se estenderá ata mañá tivo lugar na sede do Consello Superior de Deportes e tamén contou coa presenza da presidenta, María José Rienda, así como dos responsables en materia de deporte das diferentes comunidades autónomas.

Alí, a secretaria xeral debateu cos demais titulares autonómicos sobre os asuntos de maior interese e actualidade no ámbito deportivo. Un encontro que, como dixo a máxima responsable do deporte a nivel autonómico, “outorga tanto ao Estado como ás autonomías unha nova ferramenta para mellorar a xestión e a coordinación deportiva a todos os niveis a través do consenso de todos os actores”.

Ademais da constitución da Comisión Sectorial de Deporte propúxose o regulamento de organización e funcionamento da Conferencia Sectorial de Deporte, formalizáronse os grupos de traballo creados por acordo da Conferencia Sectorial de Deporte e tratáronse asuntos relativos ao deporte escolar, a modernización e posta en valor dos Campionatos de España en idade escolar ou a coordinación entre o Estado e as Comunidades Autónomas para o funcionamento dos Centros de Alto Rendemento Deportivo e de Tecnificación Deportiva.