Moi bos resultados dos/as galegos/as no Campionato de España de Tenis Praia 2020
Oito tenistas galegos representaron a Galicia no Campionato de España de Tenis Praia celebrado en Vera, Almería do 16 ao 18 de outubro de 2020. Estes foron os seus resultados:
Na modalidade de individual, Begoña Montenegro Prado obtivo o mellor resultado, conseguindo ser finalista. Begoña gañou a Mª Isabel Cenador 7-1 en primeira rolda, en segunda impúxose á cabeza de serie número dous Arantxa Parella 7-4, nos cuartos a Bárbara Mingotes 7-6(5) e por último en semifinais a Grimanesa Santana 7-6(6). Só conseguiu freala Omayra Farias por 7-1 na final. Excelente éxito Begoña!
Neste cadro tamén participaron Lydia García Vázquez e Eva Ducet Teixeira, ambas caeron en segunda rolda.
Juan Pablo Amador Ruiz e Jorge Martínez Martínez enfrontábanse na previa, gañando Juan Pablo cun resultado de 7-5, aínda que a continuación cedía ante Andreu Genestar por 7-4.
No cadro final gran resultado de Adrián García Vázquez, logrando chegar aos cuartos de final. Adrián logrou impoñerse a Michael Paul Brown en primeira rolda 7-4 e a Meir Bencheluch en segunda 7-5. A continuación caeu ante Víctor López Rubio cun resultado de 7-5.
En canto ás parellas, Juan Pablo Amador Ruiz e Jorge Martínez Martínez superaron o cadro de previa con facilidade, superando a Diego Moreira e Juan José Vivo cun resultado de 6-3, 6-1. No cadro final non lograron desfacerse dos favoritos do cadro, Antoni Ramos /Gerard Rodríguez, que finalmente serían os campións.
Neste mesmo cadro, a parella de galegos formada por Adrián García Vázquez e Diego Negreira López, conseguiron chegar aos cuartos de final, gañando a Sebastian Insua/ Guillermo Vallmitjana 6-4 4-6 10-4 e a Mohamed Douiri/ Mario Escolano 6-3, 6-1. En cuartos cun 6-2, 6-4 non lograron vencer á parella que quedou subcampioa do torneo: Víctor López/ Saulo Tejada.
No cadro feminino, a parella galega, formada por Eva Ducet Teixeira e Lydia García Vázquez, tamén logrou chegar aos cuartos de final, impoñéndose a María Oliver/ Ingrid Vila 7-6(6) 6-1 e a Ivonne Xastre/ Helena Velasco 6-4, 6-1. Nos cuartos foron eliminadas pola parella subcampioa do cadro Ganesha Díaz/ Sabrina López.
Na categoría de veteranas, a parella formada por Eva Ducet Teixeira e Begoña Montenegro Prado, quedaron ás portas das semifinais. Gañaron en primeira rolda a Mª Luisa Hernández/Marisa Rodríguez 6-3 6-1, a Leticia Serrano / Zvezdana Fernández en segunda 6-3 6-1, pero non lograron superar a Mª Isabel Cenador/Aroa Sánchez nos cuartos de final, o resultado 6-3 7-6(5).
E por último a parella formada por Ignacio Garrido Carrera e Diego Negreira López caeron en primeira rolda do cadro de veteranos, cedendo ante a parella cabeza de serie número 2, Francisco Salinas/ Antonio Yus 6-2 6-7(5) 10-7.