Nova
29/09/2019
Federativas

Mónica Figueroa, campioa galega de Trail-O en Goente

O Trail-O, unha disciplina caracterizada pola integración e a igualdade, tiña a súa cita clave en Goente a pasada fin de semana

A orientadora pontevedresa, Mónica Figueroa (AROMON), lograba o pasado sábado alzarse como campioa galega de Trail-O. O deportista do club A.D.C Arnela, David Lareo, levaba a prata para a súa vila, Porto do Son; mentres que o bronce quedaba na cidade da Coruña grazas á actuación de Francisco Diz, do club Gallaecia Raid.

Organizado polo club APA Liceo da Coruña en Goente, o Campionato Galego de Trail-O “Pola integración e contra a violencia de xénero”, reunía a participantes de toda Galicia nunha mesma categoría, independentemente do sexo, idade ou posibles discapacidades físicas.

Así e todo, o Trail-O é unha disciplina deportiva da orientación, marcada pola integración e igualitaria, na que persoas con mobilidade reducida, homes e mulleres de calquera idade, participan en igualdade de condicións. A competición consiste na progresión por un camiño, apto para cadeiras de rodas, no cal os participantes atopan puntos de observación nos que deben escoller, entre varios mapas, cal deles representa o que ven dende o seu punto de parada.

Goente, no concello de As Pontes de García Rodríguez, acollía unha proba nun terreo de inmellorables condicións para a práctica do Trail-O. A dificultade técnica foi clave á hora de repartir os metais entre os participantes, destacando a campioa galega, Mónica Figueroa, quen acertou 22 puntos dos 24 propostos.