Nova
23/09/2021
Institucionais

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolle unha xornada da Liga Xunta de Galicia de Breaking

Á presentación asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil.

A Liga Xunta de Galicia de Breaking conta cun circuíto de 10 competicións en distintas localidades da Comunidade Autónoma.  

O secretario xeral para o Deporte anunciou o próximo Plan de Deportes Urbanos de Galicia. 

Pontevedra, 23 de setembro de 2021. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, asistiron hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra ao acto de presentación dunha xornada da Liga Xunta de Galicia de Breaking, que se celebrará nesta cidade este fin de semana.

Na súa intervención, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, recordou a incorporación do breaking ao calendario olímpico de París 2024, destacando “o indiscutible factor atlético deste deporte que require de preparación física, adestramentos e concentración, todo dirixido a demostrar unhas impresionantes capacidades de movemento, de enerxía e de creatividade”. Lete Lasa remarcou a xuventude dos participantes na Liga, e “o seu innegable valor na procura de igualdade, dada a súa competición mixta e a alta participación feminina”.

José Ramón Lete aproveitou tamén para adiantar o traballo do seu departamento no próximo Plan de Deportes Urbanos de Galicia que, dende o punto de vista competitivo, apunta aos Xogos de París 2024. “Galicia quere situarse na vangarda destas novas expresións deportivas. Fidelizar á xuventude ou fortalecer a práctica mixta e feminina, ten nestas novas tendencias urbanas unha canle de crecemento que imos a explorar para ensanchar a práctica deportiva competitiva e de actividade física en Galicia”, sinalou o secretario xeral.

Pola súa parte, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, salientou que este tipo de competicións constitúen alternativas de lecer saudables, atractivas e con todas as medidas de seguridade para as mozas e mozos galegos, e invitou a participar a todos aqueles que queiran desfrutar desta disciplina deportiva. 

O breaking foi recoñecido como especialidade deportiva en Galicia o pasado mes de marzo por resolución da secretaría xeral para o Deporte, procedéndose despois á constitución da Liga Xunta de Galicia de Breaking, que conta con 10 competicións en distintas localidades galegas (Viveiro, Lalín, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Noia, Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo) e cun total de 62 participantes. A Liga organízase en dúas categorías (iniciación e avanzada), sendo o 57% dos participantes da categoría de iniciación unha participación feminina. Cada evento da Liga acolle un taller formativo en horario de mañá para achegar esta disciplina ao público en xeral.

A nivel estatal, os ranking da Federación Española de Baile Deportivo, responsable desta disciplina,  acolle a galegos como Sergio Perol, Artur Lago, David Amor ou Sergio Mayo, nas partes mais altas das súas categorías.