Nova
20/07/2021
Institucionais

O CGTD amplía a súa oferta con dúas novas modalidades en tecnificación: natación artística e ximnasia

Un ano máis, o CGTD convoca 160 prazas (103 de tecnificación e 57 de rendemento) reservando o 10% para situacións de urxencia ou necesidade, polo que o número de prazas do centro podería acadar as 176

Santiago, 20 de xullo de 2021.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de onte a resolución do 9 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2021/2, e se procede á súa convocatoria.

En total, como todos os anos, o número de prazas convocadas será de 160. A distribución das mesmas será 103 prazas para o grupo de tecnificación (86 residentes e 17 externos) que se repartirán entre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato así como 57 prazas para o grupo de rendemento (12 residentes -sen que poidan ser máis de sete do mesmo sexo e como máximo 4 da mesma sección deportiva- e 45 externos).

Cómpre lembrar que ademais, resérvase unha porcentaxe do 10% das prazas que se poderá cubrir dutante todo o curso académico en función de situacións de urxencia ou necediade, cumprindo sempre os criterios de excelencia deportiva e nivel académico. Con todo, o número de prazas do centro no vindeiro curso podería acadar as 176.

As prazas de tecnificación distribuiranse do seguinte xeito: atletismo lanzamentos (4 residentes), bádminton (6 residentes e 1 externo), judo (8 residentes e 2 externos), karate (4 residentes), loita (8 residentes e 2 externos), natación pura e augas abertas 7 residentes e 2 externos), natación artística (3 residentes e 1 externo), piragüismo slálom (4 residentes e 1 externo), piragüismo augas tranquilas (15 residentes e 3 externos), remo (5 residentes e 1 externo), taekwondo (8 residentes e 2 externos), tríatlon (7 residentes e 1 externo), vela (5 residentes e 1 externo) e ximnasia (2 residentes).

Como principais novidades cómpre destacar que o centro de excelencia do deporte galego amplía a súa oferta incorporando unha nova modalidade como a natación artística e incrementando a aposta pola ximnasia que xa estaba presente para o grupo de rendemento e dende esta convocatoria, tamén na tecnificación. En total, o CGTD aumenta a súa oferta deportiva cun 16% máis de modalidades, ao pasar das 12 do curso anterior a 14.

CGTD

O centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra. Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, dálles cabida aos principais deportistas e promesas do deporte galego. No 2007 e no 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela.

A lista de deportistas que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse neste Centro é moi longa, podendo destacar entre eles a 22 deportistas olímpicos, coa incorporación a este selecto grupo de Caetano Horta e Antía Jácome, e 2 paralímpicos cunha colleita total de 11 medallas dende os Xogos Olímpicos de Sídney 2000.