O Club Delikia encara unha tempada máis con preto de 300 licenzas entre atletismo e tríatlon
O secretario xeral para o Deporte destaca que ata sete triatletas do Delikia atópanse na órbita do CGTD que esta mesma semana anunciaba que o ‘Team España Elite’ adestrará nas súas instalacións para preparar os Xogos de Os Ánxeles 2028 con Natalia Castro como unha das integrantes
Nigrán (Pontevedra), 23 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación dunha nova tempada do Club Delikia que xa chega a preto de 300 licenzas entre as súas modalidades de atletismo e tríatlon. O mandatario galego destacou como, dende a súa fundación en 2021, o Delikia foi medrando para, na tempada de 2025, contar con tres dos seus catro equipos de tríatlon na segunda división nacional, polo que serán clubs de pleno dereito no Plan de Patrocinio Publicitario da Fundación Deporte Galego e, acadar o top 30 no ranking de clubs nacional e a segunda posición no galego.
Neste sentido, Lete Lasa destacou que ata sete dos triatletas que están no Delikia atópanse na órbita do Centro Galego de Tecnificación Deportiva que esta mesma semana anunciaba que o ‘Team España Elite’ adestrará nas súas instalacións para preparar os Xogos de Os Ánxeles 2028 da man dun equipo de oito triatletas que dirixirá Javier Gómez Noya. Dentro de ese equipo destacan catro galegos como Andrés Prieto, Sara Guerrero, Esteban Basanta e Natalia Castro, triatleta de Bueu que está no Delikia.
Con respecto ao nomeamento do asturiano Andrés Suárez como embaixador do Delikia, Lete Lasa lembrou que dende 2021 conta con licencia polo equipo galego, polo que a primeira medalla e a última das 58 acadadas pola delegación española -olímpica e paralímpica- nos Xogos de París foron acadadas por deportistas con licencia galega: o bronce de Fran Garrigós nos -60 quilos de judo e a prata do propio Alberto Suárez na maratón T12.
Lete Lasa destacou o “encomiable obxectivo do club de apoiar e fomentar a integración e inclusión a través do deporte” e asegurou que o Delikia sempre atopará un socio na Xunta de Galicia. “Facer do deporte un hábito de vida saudable, crear unha contorna de valores deportivos no cal a competición sexa un elemento de aprendizaxe ou entender o deporte como un complemento da actividade académica nas novas xeracións” son máximas, dixo, “innegociables para o Goberno galego”.