Nova
03/07/2020
Institucionais

O Consello autoriza un novo contrato da póliza do Xogade que permitirá que 130.000 rapaces e rapazas practiquen deporte de forma segura

  • O obxectivo do Goberno galego é garantir que todos os nenos e nenas galegos e galegas que opten pola actividade deportiva e lúdica ofertada pola Xunta de Galicia poidan realizala de xeito seguro sen repercutir o gasto da póliza nas familias galegas que un ano máis desfrutarán da gratuidade do seguro de accidentes deportivos

Santiago, 3 de xullo de 2020.- O Consello da Xunta autorizou no día de onte a tramitación do expediente de contratación do contrato privado de seguro para cubrir os riscos derivados da práctica deportiva con motivo da participación dos nenos e nenas galegos e galegas de entre 6 e 16 anos nas modalidades escolar e federada do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) durante as tempadas 2020-2021 e 2021-2022, a razón duns 2 millóns de euros por tempada.

O importe total da contratación da póliza será duns 4 millóns de euros -o mesmo que o crédito inicial disposto pola Xunta de Galicia para as anualidades 2018-2020- que poderían chegar ata os 6,6 millóns de euros de sumarse as contías do importe da prórroga (2 millóns de euros) e do importe da prima variable (600.000 euros). O prazo de duración do contrato será de 24 meses -do 16 de outubro do presente ano ata o 15 de outubro de 2022-.

O obxectivo do Goberno galego é garantir que todos os nenos e nenas galegos e galegas que opten pola actividade deportiva e lúdica ofertada pola Xunta de Galicia poidan realizala de xeito seguro sen repercutir o gasto da póliza nas familias galegas que un ano máis desfrutarán da gratuidade do seguro de accidentes deportivos.

Ao redor dun total de 130.000 rapaces e rapazas participan cada ano no programa deportivo (escolar e federado) e no programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia. Isto representa un aumento dun 175% desde a primeira edición do plan (2009-2010). O obxectivo da Xunta é achegar o deporte a toda a poboación galega en idade escolar.

O programa Xogade leva a actividade deportiva a todos os concellos e bríndalles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Dáselle así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva da Xunta de Galicia: fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás. A undécima edición do (2019-2020) conta coa colaboración de 36 federacións adheridas ao programa (atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckei, judo e disciplinas asociadas, kickboxing, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, patinaxe, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia). Así tamén destacan as dezaseis modalidades escolares (atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo, tenis de mesa, voleibol, xadrez, Xogando co atletismo e Multixogo 6-8). Tamén cómpre salientar as actuacións de Coñece o meu club, os Xogos populares e Xogando coa auga e co vento. Xogade segue sendo unha ferramenta para o Proxecto Deportivo de Centro encadrado no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.