Nova
25/11/2023
Institucionais

O décimo quinto Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia abre a súa primeira fase con 2,6 millóns de euros e 125 equipos convidados

O Plan ten como obxectivo igualar o importe histórico acadado co Plan de Patrocinio da tempada 2022/2023 cando se superaron os 3,7 millóns de euros, representando o maior orzamento rexistrado

Santiago, 24 de novembro de 2023.- A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar o anuncio da primeira fase do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia, tempada 2023/2024. Cómpre salientar que esta edición, que será a décimo quinta do Plan de Patrocinio, ten como obxectivo igualar o importe histórico acadado co Plan de Patrocinio da tempada 2022/2023 cando se superaron os 3,7 millóns de euros, representando o maior orzamento rexistrado.

Polo de agora, esta primeira fase contará cun orzamento de preto de 2,6 millóns de euros (2.596.660 eruos) para convidar a 125 equipos que cumpren cos requisitos do Plan e que xa recibiron a notificación por parte da Fundación Deporte Galego -66 femininos, 56 masculinos e tres mixtos-de 13 modalidades e 17 especiaidades deportivas diferentes. Isto representa unha maioría dos equipos femininos ou con presenza feminina que está a ser a tónica habitual nos últimos anos. O prazo máximo para a presentación das solicitudes será desde hoxe, 24 de novembro, ata o vindeiro día 30 de novembro (7 días naturais).

Cómpre salientar que, dende a tempada 2021/2022 o plan adáptase ao calendario de competición dos equipos galegos con dúas fases, en troques de obedecer ao exercicio anual. Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2023/2024, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego. O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

En total, desde o primeiro ano do Plan -2009/2010- os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 40 millóns de euros, sumando a contía total do Plan 2023/2024. Cómpre destacar, ademais, que o Plan de Patrocinio Publicitario para Equipos Femininos xa transita pola súa cuarta edición, unido estreitamente á Campaña NON contra a violencia de xénero.