Nova
02/09/2020
Institucionais

O Deporte galego chora a morte de Juan Carlos Padín, “un home dedicado completamente ao deporte feminino e a alma mater do Olivo de Vigo”

Santiago, 2 de setembro de 2020-. A Xunta de Galicia, a través do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, lamenta a morte de Juan Carlos Padín ao que describiu como un home dedicado completamente ao fútbol galego e nomeadamente ao fútbol feminino pois estivo toda a súa vida vencellado ao Club de Fútbol Femenino El Olivo de Vigo. O conxunto olívico, con Padín como responsable da sección feminina, conseguiu o ascenso á máxima división do fútbol feminino nacional en 2011, converténdose no primeiro equipo galego en facelo desde a creación da Superliga.

Lete Lasa definiu a Padín como un home “entregado, traballador e apaixonado polo deporte galego que sempre daba o cento por cento aínda que a saúde non o acompañara”. Deste xeito asegurou que, Juan Carlos Padín é un exemplo dos valores do deporte para todos e para todas.