Nova
14/11/2022
Institucionais

O deporte galego de alto nivel actualízase tras a última resolución: 92 novos recoñecementos e 681 deportistas en total

Susana Rodríguez Gacio acada o recoñecemento de deportista galega de alto nivel vitalicia

Santiago, 14 de novembro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a resolución do 2 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia, árbitros, técnicos e deportistas recoñecidos vitalicios, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total son 92 os deportistas recoñecidos onde destaca unha maioría feminina do 56% (52 mulleres e 40 homes). Máis polo miúdo trátase de 70 deportistas de alto nivel, 6 de alto rendemento, 13 de rendemento deportivo de base, 1 técnico, 1 xuíz e 1 vitalicios. De todos os recoñecidos na última resolución, un total de 5 deportistas (3 mulleres e 2 homes) son deportistas con discapacidade.

Entre os novos recoñecementos de deportistas galegos de alto nivel nesta resolución destacan os dos tiradores Miguel Alvariño e Daniel Castro, así como dúas das mellores representantes do deporte adaptado galego: a esgrimista Judith Rodríguez e a atleta Desirée Vila. Ademais cómpre destacar que a paratriatleta, medalla de ouro en Toquío, Susana Rodríguez Gacio, acada a consideración de deportista galega de alto nivel vitalicia. Por outra banda, Roberto Antonio Naveira (Judo e Deportes Asociados) é novo técnico de alto nivel e Dolores Rojas (Atletismo), nova xuíz de alto nivel.

Con esta última resolución publicada no DOG a comunidade galega contabiliza 681 deportistas recoñecidos, divididos en 595 de alto nivel, 31 de alto rendemento, 29 de rendemento deportivo de base, 12 técnicos, 3 árbitros, 4 xuíces e 7 vitalicios. Destes deportistas recoñecidos, o 62% (422) son homes e o 38% (259) mulleres. Entre os 681 deportistas recoñecidos, cómpre salientar un total de 21 deportistas con diversidade funcional (7 mulleres e 14 homes) que representan o número máis alto da serie histórica. Dende hai tempo, a cifra de deportistas con discapacidade continúa a subir nos recoñecementos de alto nivel, o que mostra o apoio que realiza a Xunta de Galicia en prol do deporte adaptado.