Nova
29/10/2022
Institucionais

O Deporte Galego lamenta o pasamento de Alexander Kachelaev ‘Sasha’ “que elixiu Galicia para transmitir toda a súa sabedoría e levar á loita galega a elite”

Levaba máis de tres décadas vinculado ao CGTD como responsable da formación dos deportistas galegos de alto nivel da sección de loitas olímpicas e, nesta última etapa da súa vida, como encargado das relacións internacionais dos nove mundiais de Grappling e de Loita que veñen de rematar en Pontevedra

29 de outubro de 2022.- A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte lamenta profundamente o pasamento do técnico de loita Alexander Kachelaev, máis coñecido como Sasha, que levaba máis de tres décadas -dende 1992- vinculado ao Centro de Tecnificación Deportiva de Galicia como responsable da formación dos deportistas galegos de alto nivel da sección de loitas olímpicas e, nesta última etapa da súa vida, como encargado das relacións internacionais dos nove mundiais de Grappling e de Loita que veñen de rematar en Pontevedra.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, en nome de todo o Deporte galego, envía unha mensaxe de apoio a toda a loita galega e aos familiares e achegados de Sasha, “un home que deu todo o que tiña por Galicia, unha terra que elixiu para transmitir toda a súa sabedoría e que co seu traballo conseguiu levar á loita galega e os loitadores galegos a elite, como demostran estes nove mundiais que acaba de acoller Pontevedra, como un dos seus últimos legados”.

Alexander Kachelaev recibiu da man do presidente da Xunta de Galicia a distinicón ao Mérito Deportivo de Galicia no ano 2017, unha medalla que recoñece o labor e a traxectoria notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia das persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo ou contribuísen ao crecemento, á promoción, ao fomento e á excelencia do deporte e da educación física da nosa Comunidade Autónoma.