Nova
04/06/2019
Institucionais

O DOG publica a convocatoria para a concesión de 6 bolsas de persoas colaboradoras no Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, a fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade

Santiago, 4 de xuño de 2019- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 22 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) para o curso 2019-2020, e pola que se procede á súa convocatoria.

Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, a fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Os beneficiarios das bolsas -que terán como mínimo, unha duración dun curso escolar, de setembro a xuño, e poden ser prorrogadas ata que o bolseiro remate os seus estudos e sempre que cumpra cos requisitos e obrigas- realizarán o seu labor na instalación do CGTD durante o curso escolar 2019-2020. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Prazas convocadas

O traballo dos colaboradores, é axudar nas tarefas das preceptoras, sobre todo na adaptación dos deportistas ao centro. No referente ao ámbito escolar, axudan ao deportista a establecer pautas de traballo e estudo e a completar as súas tarefas lectivas. Ao traballar de xeito interno no centro tamén colaboran no cumprimento das normas da residencia como respectar as horas de descanso ou non entrar en habitacións alleas. A maioría destes colaboradores son ex bolseiros do CGTD que estudan na Universidade e que seguen vinculados ao deporte o que facilita moito a ligazón entre a dirección do centro e os bolseiros no referente ás súas inquietudes e problemas.

O número de prazas convocadas é de 6, precisando polo menos 2 prazas ocupadas polo mesmo sexo (feminino ou masculino), co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro.