Nova
24/05/2022
Institucionais

O novo Núcleo de Adestramento Especializado de hóckey, en Ourense, impulsará a moitos nenos e nenas a ser "grandes técnicos, grandes árbitros e grandes xogadores"

O obxectivo é que os esforzos materiais e orzamentarios -a partida para a federación galega increméntase nun 162%- véxanse reflectidos tamén nun incremento das licenzas deportivas que hoxe transitan polas 700

Ourense, 12 de maio de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabiel Alén, inaugurou no serán de hoxe o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey que se emprazará no entorno do Centro de Tecnificación de Gaicia de Hóckey no campo de Mariñamansa. O mandatario galego presentou o novo núcleo de adestramento como "un centro de tecnificación descentralizado do CGTD para achar novos talentos e acompañalos ata o alto nivel". O NADE, dixo, axudará aos nenos e nenas do hóckey galego a chegar a ser grandes adestradores como José Manuel Brasa, grandes árbitros como Daniel González ou grandes xogadores e xogadoras como as irmáns Piñeiro, Antón Parente, Xurxo Cid ou Manu Prol, "que xa sabe o que é estar nunha convocatoria do seleccionador nacional, Max Caldas".

Neste sentido, Lete Lasa lembrou a medalla de ouro olímpica que conquistou a selección española feminina de hóckey en Barcelona 92 baixo os mandos do técnico vigués José Manuel Brasa e asegurou que "o maior éxito da historia do hóckey nacional teña acento galego di moitas cousas, pero todas boas sobre o modo en que Galicia e Ourense traballan un dos seus deportes de maior tradición". O responsable do Deporte galego referiuse a esta tradición a través de persoas, como a familia Piñeiro; instalacións como o campo de Mariñamansa que vén de estrear o céspede de categoría global que outorga a federación internacional; e como non, programas de tecnificación como o Centro de Tecnificación de Galicia (CeTeGa) que dende hoxe verase reforzado co novo Núcleo de Adestramento Especializado. Concretamente, o traballo desenvolto no CeTeGa cubre todo o espectro de categorías desde benxamín ata sénior, tanto masculino como feminino e a pesar de ter a súa sede en Ourense, conta con actividades en instalacións de Vigo e A Coruña. Ao redor do 70% dos participantes das categorías sub18, sub16 e sub14, proceden de clubs de Ourense, o 20% da Coruña e o 10% de Vigo.

O obxectivo, dixo, é que os esforzos materiais e orzamentarios -a partida para a federación galega increméntase nun 162% con respecto ao ano pasado- véxanse reflectidos tamén nun incremento das licenzas deportivas que hoxe transitan polas 700.

NADES

O pasado 20 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade aos recoñecementos dos núcleos de adestramento deportivo especializado no ano 2021. Os NADE son o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha federación deportiva, club deportivo ou sociedade anónima deportiva inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que teñen por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. Trátase, en definitiva, do recoñecemento e apoio da labor dos axentes deportivos no ámbito da tecnificación, así como tamén de identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma.

Os proxectos recoñecidos correspóndense co interese estratéxico deportivo da propia Comunidade Autónoma, encamiñado á participación dos deportistas galegos e das deportistas galegas en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.

A presentación deste NADE de hóckey continua a liña comezada o pasado 25 de marzo coa inauguración do NADE da Federación Galega de Surf en Nigrán e o 6 de maio do NADE da Federación Galega de Squash. Ademais destes tres, recoñecéronse outros dous NADE correspondentes ao Club Kayak Tudense e o Club Boxeo Kick Boxing. O investimento da Xunta de Galicia nestes cinco NADE acada os 150.000 euros.