O secretario xeral para o Deporte asina un convenio de colaboración en Vilalba para a reforma do campo da Madalena por un importe de máis de 24.000 euros
Mantén un encontro cos loitadores José Cuba e Carlos Yobani, así como co xerente do Club de Loitas Olímpicas de Vilalba
Vilalba, Outeiro de Rei e Lugo, 5 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello lucense de Vilalba onde asinou un convenio de colaboración co alcalde local, Agustín Baamonde, para acometer as obras de separación, subministro e reforma da instalación eléctrica en vestiarios asociado ao campo de fútbol de céspede artificial A Madalena. O importe destas actuacións, segundo o texto do convenio, ascende a máis de 24.000 euros (24.120,49) dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 83% (20.000 euros) e o Concello de Vilalba os restantes 4.120,49 euros.
Nas súas verbas, o mandatario galego, gabou o traballo do concello vilalbés en prol do deporte e salientou a aposta polo deporte base que fan entidades como o Racing Vilalbés que conta cun total de dezaseis equipos que se verán beneficiados por esta obra que porá a punto unha das mellores instalacións deportivas municipais.
A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, neste 2019, a provincia de Lugo verase beneficiada por obras que superarán o millón de euros nun total de 12 concellos e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros.
Tamén en Vilalba, José Ramón Lete Lasa mantivo un encontro cos loitadores galegos José Cuba e Carlos Yobani, así como co xerente do Club de Loitas Olímpicas de Vilalba. O secretario xeral animou aos deportistas a continuar co seu traballo e a engrandecer a súa excelente traxectoria e certificou o compromiso da Xunta de Galicia con este deporte, máxime nestes días que se disputa en Pontevedra o Campionato Europeo Júnior de Loitas Olímpicas, no que compite o propio Carlos Yobani.
Visita ao circuíto de Outeiro
Tras a súa visita a Vilalba, Lete Lasa dirixiuse a Outeiro de Rei onde visitou o circuíto automobilístico no que a Secretaría Xeral para o Deporte investiu en 2018 o 70% dun convenio de 223.764,25 euros para converter o trazado nun centro de deportes de motor e seguridade viaria. A reforma consistiu na ampliación e mellora das instalacións existentes dotándoas de versatilidade e a posibilidade de simultaneidade de usos con distintas variantes.
Nesta xuntanza, na que tamén estivo presente o alcalde, José Pardo, o responsable do deporte galego desexou a mellor das sortes no que queda de tempada ao piloto galego Sergio Vallejo.
Despachos en Lugo
Xa na capital da provincia, o secretario xeral para o Deporte reuniuse cos deportistas Sara Álvarez e Mauro Rodríguez, pertencentes á Federación de Judo e de Deporte Adaptado (natación), respectivamente.
A continuación mantivo dúas xuntanzas cos senllos presidentes do Club Voleibol Emevé, Bibí Bouza, e do Club Baloncesto Ensino, Manolo Durán. No primeiro caso, Lete Lasa aproveitou para felicitar ao Emevé polo ascenso do seu equipo masculino á máxima categoría do voleibol nacional e, por outra banda, celebrou a excelente tempada do Ensino na máxima categoría do baloncesto feminino nacional. En ambos os dous casos, o secretario xeral destacou aos equipos como referentes do deporte feminino galego.
Para pechar a xornada, o titular da carteira autonómica de deporte mantivo unha xuntanza cos representantes do Club Fluvial de Lugo e interesouse polo estado das instalacións tras a ampliación e reforma inaugurada en 2017. Así tamén destacou ao club como “un dos colectivos con maior arraigo e identidade da cidade amurallada, tanto pola súa vasta traxectoria como polo seu número de licenzas”.