Nova
13/07/2021
Institucionais

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participa da comisión sectorial do deporte convocada polo Consejo Superior de Deportes

  • Lete Lasa defendeu a constitución dun grupo de traballo con presencia das comunidades autónomas para a ordenación dos fondos procedentes do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia europeo
  • Recordou tamén a necesidade de seguir profundando na coordinación de actuación do deporte estatal, tanto profesional como non profesional

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá da reunión da Comisión Sectorial do Deporte convocada polo Consejo Superior de Deportes (CSD) xunto cos restantes responsables de deporte das distintas comunidades e cidades autónomas.

No curso da reunión, o presidente do CSD, José Manuel Franco Pardo, informou aos asistentes sobre o informe de situación e o Plan de recuperación do deporte español elaborados polo organismo estatal, basicamente centrados na afectación da pandemia da covid-19.

Pola súa parte, e na súa quenda de intervención, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia solicitou, cara o inicio da próxima tempada, unha maior coordinación para o establecemento de medidas e protocolos comúns ás competicións de ámbito estatal, na garantía da seguridade das competicións, para público e participantes e da igualdade de oportunidades para todos os deportistas e clubs.

Asemade, Lete Lasa requiriu tamén dos responsables do CSD a constitución dun grupo de traballo para a ordenación dos fondos procedentes do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia europeo e que, só nestes orzamentos 2021 do CSD, alcanzan os 49 millóns de euros. Neste punto, o secretario xeral quixo recordar e poñer en valor o traballo realizado durante a pandemia polas administracións autonómicas, “que se esforzaron dobremente co labor do deporte autonómico e do deporte non profesional de ámbito estatal”, apuntou.

A próxima reunión da Comisión Sectorial foi anunciada para o mes de setembro.