Nova
07/06/2019
Institucionais

O secretario xeral para o Deporte presenta a 24ª edición do Rali do Cocido que converterá a Lalín ‘no quilómetro cero do automobilismo nacional’

Destaca que o tramo do sábado Rodeiro – Dozón “será retransmitido pola segunda canle da televisión galega” e lembra o convenio asinado para o apoio dos deportes minoritarios que xa conta cun espazo web deporte360.gal

Lalín (Pontevedra), 6 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do 24+ Rali do Cocido. Na súa intervención, o mandatario galego recordou algúns récords do rally lalinense como os acadados en 2009 co máximo número de participantes -150- e en 2015 co máximo número de espectadores nun tramo -6.500- e asegurou que, en 2019, o Rali do Cocido “volverá a superarse e converterá a Lalín non só no quilómetro 0 de Galicia, senón no quilómetro cero do automobilismo nacional”.

Nas verbas do secretario xeral, dous dos elementos de maior sona en Lalín como o cocido e o automobilismo “déronse a man en 1996 para dar luz a este rally, un evento que hai un ano acadou o seu maior fito histórico: ser recoñecido pola Real Federación Española de Automovilismo dentro do calendario do Campionato de España de Rallyes de Asfalto”. Neste sentido aproveitou para recordar a calidade das probas de automobilismo de Galicia que converten á nosa comunidade na que conta con maior presenza no calendario nacional de asfalto, “das dez probas, Galicia achega tres eventos, o 30% do campionato”. Ademais do Rali do Cocido, tamén se insiren neste calendario o Rallye de Ourense, que terá lugar esta fin de semana, e o Rallye de Ferrol que se disputará os vindeiros 20 e 21 de xullo.

Na vixésimo cuarta edición do Rali do Cocido participarán 90 pilotos nun percorrido de 500 quilómetros dos que 150 serán cronometrados e estarán divididos nun total de 13 tramos. Dentro destes tramos, o secretario xeral destacou o tramo urbano co que dará comezo o Rali do Cocido e o tramo do sábado Rodeiro – Dozón que “será retransmitido pola segunda canle da televisión galega, dentro do seu apoio ao automobilismo e aos deportes menos visibles”. Asemade, destacou o convenio asinado o pasado ano entre a CRTVG e a Secretaría Xeral para o Deporte para o apoio dos deportes minoritarios, deporte base, feminino ou popular, e que xa conta cun espazo web deporte360.gal con todos estes contidos.