Nova
26/08/2021
Institucionais

O secretario xeral para o Deporte visita as instalacións da Sociedade Deportiva Tirán, o club de traíñas máis laureado de Galicia

Na presente tempada o club de remo de Moaña recibiu 21.000 euros con cargo ao Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición d e Galicia 

Moaña (Pontevedra), 26 de agosto de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta tarde as instalacións da Sociedade Deportiva Tirán onde supervisou as últimas actuacións de mellora levadas a cabo polo club. O mandatario galego gabou a traxectoria da SD Tirán, o club de traíñas máis laureado de Galicia, que disputará de novo o playoff de ascenso á Liga ACT tras regresar a tempada pasada á primeira división. De feito, a SD Tirán foi un dos socios fundadores da Liga ACT no ano 2003 e dende aquela participou en todas as súas edicións menos cinco.

Lete Lasa desexou a mellor das sortes o club de Moaña nese playoff de ascenso no que tamén competirán as traíñas de Samertolameu e Bueu e expresou a súa confianza de que o ano que vén outros dous equipos galegos acompañen a Cabo de Cruz e Ares na ACT. 

Do mesmo xeito, o secretario xeral asegurou que a Xunta de Galicia seguirá traballando  para que a SD Tirán siga acadando grandes éxitos. Cómpre lembrar que na presente tempada o club de remo de Moaña recibiu preto de 21.000 euros ao abeiro do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición da Fundación Deporte Galego.

No que atinxe ás traíñas galegas, cómpre destacar o gran crecemento de participación da Liga Galega de Traíñas tanto masculina como feminina nos últimos anos cun incremento do 22% no orzamento destinado pola Xunta de Galicia que subiu ata os 110.000 euros xa en 2019.