Nova
04/06/2019
Institucionais

O secretario xeral pide "liberdade e respecto pola esencia do deporte" na súa resposta sobre a prohibición de símbolos políticos nos estadios

Asegura que “poucas actividades como o deporte teñen tanto poder para xuntar persoas dos máis diversos credos, ideas e procedencias e, como administracións responsables debemos primar este deporte, elemento de unión e integración entre persoas”

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, interveu esta mañá no Parlamento de Galicia para responder a pregunta oral sobre a prohibición de bandeiras e doutros símbolos políticos nos estadios deportivos. Na súa intervención, Lete Lasa reivindicou o deporte como “un elemento de unión e de cohesión social” e describiu o deporte polo que traballa a Xunta de Galicia como “unha actividade íntima e directamente relacionada a un modo de vida saudable co que, ademais, se contribúe a adquirir e transmitir valores de superación, de loita, de respecto aos demais e ás normas, e de crecemento persoal baseado no esforzo e na mellora do propio rendemento”. “Poucas actividades como o deporte teñen tanto poder para xuntar persoas dos máis diversos credos, ideas e procedencias e, como administracións responsables debemos primar este deporte, elemento de unión e integración entre persoas”, engadiu.

Nas súas verbas, o secretario xeral considerou que “nun espectáculo deportivo, as bandeiras a enarborar han de ser as deportivas” e mostrouse inflexible na súa posición alegando que o deporte “non está para que fagamos política con el, non está para ser utilizado partidista e partidariamente”. “Respectando o exercicio lexítimo da liberdade de expresión, para a Xunta de Galicia, os símbolos políticos non teñen o seu mellor acomodo nos espazos nos que se desenvolven espectáculos deportivos porque, para nos, salvagardar a esencia do deporte pasa porque os seus valores de unión, de representación e de cohesión social, prevalezan sobre o que nos separa”, concluíu.

O mandatario galego rematou a súa resposta solicitando a todos os grupos “liberdade e respecto, respecto polo distinto, pero por suposto tamén respecto pola esencia do deporte libre de utilizacións ideolóxicas e partidistas”.