Nova
14/05/2020
Institucionais

As obras do Pavillón Polideportivo dos Remedios, cun investimento da Xunta cercano aos 2 millóns de euros, continúan a “bo ritmo e sen acumular atrasos”

  • Debido ao peche da instalación realizáronse cambios nas fases acadando que, a día de hoxe, xa estean rematadas as obras no novo ximnasio e salas de actividades dirixidas, a ampliación do corredor e os enlucidos da piscina de 50 metros, ademais de que as actuacións na piscina de 25 metros xa están concluídas ao 80%”

Ourense, 14 de maio de 2020-.  O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, informou hoxe de que obras de remodelación do Pavillón Polideportivo dos Remedios, iniciadas o pasado 15 de novembro, “continúan a bo ritmo sen acumular practicamente ningún atraso, a pesares da situación actual”. Tal e como relatou o mandatario galego, debido ao peche da instalación realizáronse cambios nas fases acadando que, a día de hoxe, xa estean rematadas as obras no novo ximnasio e salas de actividades dirixidas, a ampliación do corredor e os enlucidos da piscina de 50 metros, ademais de que as actuacións na piscina de 25 metros xa están concluídas ao 80%”.

 

As obras de remodelación integral do Pavillón dos Remedios son froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense e están financiadas integramente polo Goberno galego. Contarán cunha duración aproximada de dez meses. A empresa Construccións Alea foi a adxudicataria do contrato cun orzamento de 1.900.449,86 distribuído en dos anualidades, 480.738,17 euros en 2019 e 1.419.711,69 euros en 2020. 

 

Dentro desta primeira fase levaranse a cabo as actuacións en piscina de 25 metros -demolición de bancada e accesibilidade a vestiarios- e a execución dun novo ximnasio na localización do actual, cunha nova planta alta en comunicación coa planta soto. Tamén se executará unha rampla para dar acceso adaptado á cafetería da planta alta e da bancada, así como a instalación dun novo ascensor que comunique as tres plantas. Cómpre destacar outros traballos para novas instalacións de fontanería, saneamento, climatización, contraincendios e electricidade, así como o peche da antiga escaleira de acceso ao soto situada no corredor central.

 

Remodelación profunda

O proxecto a acometer é unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo desde a entrada principal ata a pista polideportiva. Deste xeito levarase a cabo a renovación da fachada principal e a fachada cara á Ponte Romana quedando o conxunto cun aspecto renovado e moderno; a modernización da entrada principal e todas as comunicacións á vez que se garante a accesibilidade de minusválidos a toda a instalación; o arranxo de toda a planta de soto con accesibilidade mediante un novo ascensor, a modernización de case 400 m² de vestiarios e aseos facendo que sexan accesibles a minusválidos; a construción dunha nova planta de 550 m² nunha zona de ximnasio onde se aloxará unha sala nova en planta baixa de usos múltiples e, en planta primeira, unha sala de musculación e outra de actividades dirixidas, todo accesible mediante un ascensor; cambio do recubrimento de chans e paredes na piscina de 50 metros Rosario Dueñas e reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero; así como o aproveitaranse as augas termais para o atemperamento da climatización e para auga quente sanitaria.

 

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa (piscina exterior), dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores. Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumpre 50 anos.

 

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa a súa aposta decidida pola mellora das infraestruturas deportivas da cidade de Ourense despois de inaugurar o pasado 16 de decembro de 2018 a pista cuberta como unha instalación referente do atletismo nacional na que investiu máis de 3,5 millóns de euros. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte tamén traballa na creación do novo parque acuático do complexo deportivo de Monterrei no que se prevé un investimento de 9 millóns de euros.