Nova
22/12/2021
Institucionais

Os concellos da Terra de Lemos -Monforte e Sober- renovan pavillón e piscina grazas aos convenios coa Xunta por importe duns 50.000 euros

O pavillón da Pinguela de Monforte xa conta cun novo vídeo marcador e as piscinas municipais de Sober foron reparadas

Monforte e Sober (Lugo), 21 de decembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou hoxe dous concellos da comarca de Terra de Lemos -Monforte e Sober- nos que a Xunta de Galicia levou a cabo as melloras das súas infraestruturas deportivas grazas aos convenios de colaboración asinados coas entidades municipais que acadaron un importe próximo aos 50.000 euros.

No caso de Monforte, o secretario xeral, acompañado polo alcalde José Tomé, supervisou a instalación do vídeo marcador no pavillón municipal da Pinguela. En total, a adquisición, subministro e instalación da pantalla acadou un orzamento de 27.480,43 euros, sendo achegado pola Xunta o 73% (20.000 euros) e o restante 27% polo concello (7.480,43 euros).

O vídeo marcador deportivo LED ten un tamaño duns 10 m2, con tecnoloxía de última xeración para uso en interiores, cunha resolución pixel pitch 4,8 mm e de tecnoloxía led SMD. Conta cun ordenador de control con software específico para procesador led e software específico para uso de marcador; superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2; consola deportiva para manexo de marcador; estrutura para fixación da pantalla; bocina; xogo de dous marcadores de posesión, homologados por FIBA e consola de posesión.

No pavillón da Pinguela compiten o Club Voleibol Ribeira Sacra, o Club Voleibol Korbis e o Club de Ximnasia Rítmica Quicela, así como alberga eventos deportivos de disversas modalidades como taekwondo, ximnasia rítmica e voleibol. Na instalación tamén se levan a cabo actividades propias do deporte escolar, dispútase a liga local de fútbol sala e lévanse a cabo as actividades do programa deportivo de verán que organiza o Concello de Monforte.

Instantes despois, o mandatario galego dirixiuse ao Concello de Sober onde, acompañado polo alcalde Luis Fernández visitaron as piscinas municipais que veñen de ser obxecto de obras de mellora e conservación. En total, o convenio asinado entre as dúas administracións acadou os 19.993,76 euros, sendo achegados pola Xunta o 80% (15.995,01 euros), e polo goberno local, o restante 20% (3.998,75 euros).

As obras que se levaron a cabo comprenderon a actuación no valado substituíndo o valo actual por un composto por vidro e superficies de suxeición de aceiro, así como outras reparacións entre as que destacan a reparación da canle de rebosadeiro exterior, reparación do vaso da piscina principal e o cambio do skimmer na piscina pequena.

En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns foron destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.