Nova
01/12/2021
Institucionais

Os equipos galegos de alta competición xa poden solicitar a súa adhesión ao Plan de Patrocinio con maior orzamento da historia

Por primeira vez, o Plan de Patrocinio Galego adaptarase ao ciclo competitivo dos equipos ao longo da tempada 2021-2022 cun orzamento global de 3,5 millóns de euros grazas á colaboración da Axencia Turismo de Galicia-Xacobeo e ABANCA

Santiago, 30 de novembro de 2021.- A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de abrir o prazo de solicitudes para participar na décimo terceira edición do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición. Grazas á colaboración da Axencia de Turismo de Galicia-Xacobeo e ABANCA, esta edición será a que conte cun maior orzamento na historia do plan acadando uns 3,5 millóns de euros e beneficiando a uns 238 equipos, según as estimacións da Fundación Deporte Galego.

Cómpre salientar que, por pimeira vez, o plan adaptarase ao calendario de competición dos equipos galegos ao longo da tempada 2021-2022, en troques de obedecer ao exercicio anual. Deste xeito realizaranse dúas fases, esta primeira que é a que vén de abrir o seu prazo de solicitudes e a segunda que será publicada nos vindeiros meses.

A primeira fase ocúpase das entidades que contan con equipos que compiten en modalidades e especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior e ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolven entre 2021 e 2022. En total foron convidados 121 equipos cun reparto de 60 femininos, 56 masculinos e 5 mixtos, superando a porcentaxe de equipos femininos que, desde 2020 é maioritaria. Máis polo miúdo os 121 equipos convidados representan as modalidades de fútbol (27), baloncesto (24), fútbol sala (15), voleibol (11), balonmán (10), tenis de mesa (10), hóckey patíns (7), esgrima -espada, florete e sable- (7), bádminton (3), hóckey liña (2), rugby (2), baloncesto en cadeira de rodas (2) e billar -carambola- (1). O prazo de presentación de solicitudes é do 30 de novembro ao 6 de decembro, ambos incluídos. A contía destinada para esta primeira fase do plan será de preto de 2,5 millóns de euros (2.487.306,25 euros).

Nos vindeiros meses sairá publicada a segunda fase do plan cun orzamento de preto dun millón de euros (991.443,75 euros) e que se ocupará das entidades que contan con equipos do resto de modalidades deportivas patrocinadas cuxa competición se desenvolve ao longo do ano natural 2022. En total, estímase que os equipos patrocinados sexan ao redor de 117.

Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2021-2022, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego.

O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

Plan de patrocinio 2021

En 2021 o Plan de Patrocinio Publicitario destinou 3.146.000€, que beneficiou a un total de 231 equipos en toda Galicia (foron invitados ao programa un total de 238) sendo 124 equipos masculinos, 101 femininos e 6 mixtos. Tanto o orzamento total do plan, o número de patrocinados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a primeira edición do plan, na tempada 2009-2010.