Nova
08/12/2021
Institucionais

Os éxitos de Caetano Horta e a Coupe de la Jeunesse, que reunirá a medio milleiro de remeiros en agosto, protagonistas na Gala do Remo Español

O secretario xeral para o Deporte destaca a xuventude como parte indispensable dos éxitos do remo e lembra como en 1960, seis compañeiros do Real Club Náutico de Vigo clasificaron ao outrigger de catro sen timonel aos Xogos de Roma

Cenlle (Ourense), 5 de decembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na XII Gala do Remo Español 2019 e 2020 celebrada no Hotel Balneario de Laias, un lugar que, “como parte indispensable do Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño acollerá dentro de oito meses a participación de medio milleiro de rapaces e rapazas de toda Europa para competir na Coupe de la Jeunesse”.

Lete Lasa salientou que unha competición continental da talle da Copa da Xuventude chegue a Galicia fala “moito e moi ben dos nosos eventos, das nosas instalacións e, como non, dos nosos deportistas”. Neste sentido lembrou como en 1960 seis compañeiros do Real Club Náutico de Vigo -catro remeiros, un timonel e un reserva- cunha media de idade inferior aos 25 anos conseguiron o seu soño de clasificar ao outrigger de catro con timonel de España para os Xogos Olímpicos de Roma. Tras eles, moitos seguiron os seus pasos ata chegar aos 16 remeiros olímpicos cos que conta Galicia hoxe.

Precisamente de xuventude, falou Lete Lasa para referirse ao noiés que devolveu a Galicia ao remo olímpico desde Atenas 2004. Polo seu “traballo, esforzo e tesón”, Caetano Horta Pombo recibiu o Premio Promesa 2019 e 2020 do remo nacional, distincións que non puido recibir antes pola pandemia pero que demostrou que “tiña ben merecidos cun brillantísimo diploma olímpico en 2021, nos seus primeiros Xogos, tras gañar a final B do dobre scull lixeiro de Toquio”. O responsable autonómico de Deporte quixo apoiar tamén a Rodrigo Conde ao que definiu como “outro dos referentes do remo galego” que tras non competir en Toquio, de seguro estará xunto a Caetano Horta en París.

Aposta decidida
Despois de lembrar a gran aposta que a Xunta de Galicia realiza polo remo galego, Lete Lasa tamén quixo subliñar a importancia do remo de banco fixo e da Liga Galega de Traíñas que para 2022 verá incrementado o seu orzamento nun 5% ata os 115.000 euros.

Toda este traballo conta con resultados importantes xa que Galicia é comunidade con maior número de clubs (51) e a terceira con maior número de licenzas (2.500), sendo  o 64% homes e o 36%, mulleres.