Nova
11/10/2022
Institucionais

Os nove mundiais de Pontevedra suporán “o maior evento de loita dende Barcelona 92 e reafirmarán a Galicia como referente organizativo e deportivo”

O secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, destaca o esforzo levado a cabo polo deporte galego en xeral e pola loita en particular durante a pandemia e anima aos sete loitadores e loitadoras galegas que participarán na cita pontevedresa

Pontevedra, 10 de outubro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación dos Campionatos do Mundo de Loitas Olímpicas Grappling e Grapling-Gi que terán lugar en Pontevedra do 12 ao 23 de outubro. Máis polo miúdo serán os Campionatos do Mundo U-17, U-20 e absoluto masculinos e femininos de Grappling e tamén de Grappling-Gi, do 12 ao 15 de outubro e, a continuación, os Campionatos do Mundo U-23 de Loita Feminina, de Loita Libre Olímpica e de Loita Grecorromana, do 17 ao 23 de outubro. A Xunta de Galicia colabora na organización dos campionatos cunha axuda de 60.000 euros.

O mandatario galego destacou que, 30 anos despois, España, Galicia e Pontevedra reciben o evento máis grande e máis importante de loita en todo o mundo desde os Xogos Olímpicos de Barcelona 1992”. Pero, a diferencia, do que lle acontecía a España naquel momento no contexto internacional, “Galicia non ten necesidade de mostrarse máis diferente, máis moderna, máis segura e máis libre porque xa o é”.

Neste sentido, Lete Lasa lembrou o grande esforzo realizado por todo o deporte galego en xeral e pola loita en particular no contexto da pandemia e destacou a capacidade da federación galega que foi unha das máis proactivas na colaboración coa administración autonómica a través do programa ‘Adestra na casa’ ou da elaboración do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, que no caso dun deporte de contacto directo como a loita era dos máis complexos. Así, dixo, “os adestramentos de loita comezaron a realizarse con bonecos, máscara e distancia social sendo todo un éxito. Tanto é así que estes bonecos chegaron tamén aos centros educativos, cunha acollida enorme polos alumnos que practicaban a loita cos bonecos cun protocolo claro: hixienizar e volver utilizar”. En canto se levantaron as restricións, a federación galega organizou en Santiago de Compostela os Campionatos de España sub-15, sub-17 e sub-23 de loitas olímpicas, “o maior evento de loita tras a pandemia”, e o bo traballo realizado posibilitou que Galicia e Santiago repetiran como sede en 2022.

Lete Lasa asegurou que, o Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas de 2019, “é o mellor indicativo de que estes mundiais volverán a ser todo un éxito tanto organizativo como deportivo”. Ao fío desta idea, destacou aos sete loitadores galegos e galegas que competirán en Pontevedra como Nerea Pampín en Loitas Olímpicas, así como Vanesa Muíños, María José Raja, Ramón Placer, Marcos González, José Manuel Eyo e Pablo Vázquez en Grappling e Grappling-Gi, que de seguro colleitarán grandes resultados nas citas mundialistas.