Nova
23/02/2022
Institucionais

Palas de Rei estrea a restauración do seu pavillón polideportivo cunha achega de máis de 120.000 euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, salienta a necesidade desta intervención que repercutirá na imaxe e na funcionalidade do municipio que recibe cada ano a milleiros de peregrinos cara Santiago de Compostela

Palas de Rei (Lugo), 23 de febreiro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias e o alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada, supervisou o estado final da restauración do pavillón polideportivo municipal levada a cabo grazas ao convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións e que contou cun importe total de 121.000 euros. A Xunta de Galicia achegou o 83% da contía total (100.000 euros), mentres que o concello lucense o restante 17% (21.000 euros).

A obra levada a cabo constou da renovación parcial da cubrición, instalación de pavimento deportivo, porta principal de acceso e accesorios deportivos e incide na mellora das condicións de equipamento e funcionais do polideportivo que abundarán nun mellor servizo aos cidadáns. Ademais, o Camiño de Santiago ao seu paso por ‘Chacotes’, lugar onde se empraza o polideportivo, é unha zona moi transitada por os peregrinos. Tanto é así que o pavillón é utilizado para acoller os peregrinos, ademais de ser un aceso a outras infraestruturas importantes como é o Centro de Saúde.

Lete Lasa salientou a necesidade desta intervención que repercutirá na imaxe e na funcionalidade do municipio que recibe cada ano a milleiros de peregrinos cara Santiago de Compostela. “Está claro que o deporte é saúde, pero tamén é cultura e parte fundamental da nosa sociedade”, dixo.

Ademais o pavillón de Palas de Rei contribúe á mellora da calidade de vida e, dunha maneira indirecta, axuda ao asentamento da poboación. Nese espazo practícanse multitude de xogos infantís e deportivos, destacando fútbol sala, e baloncesto, entre outros, sendo elevado o número de cidadáns que fan uso desta instalación, podendo ser maior o número de usuarios o finalizar as obras.

O mandatario galego destacou a importancia dun concello como Palas de Rei que conta con ata sete clubs inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das modalidades de fútbol, fútbol sala, caza, atletismo, pesca e casting e deportes aéreos. Así tamén lembrou algunhas das axudas máis importantes da Secretaría Xeral para o Deporte no ano 2021 como a acadada polo Palas Club Deportivo para a reactivación tras a Covid ou o patrocinio do piloto Luis Vilariño para a súa participación no Campionato de Europa de Ralis.

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.