Pattinama culmina un torneo excelso – W25 Cidade de Ourense
A holandesa Lesley Pattinama Kerkhove, número 251 da lista mundial da WTA, proclamouse vencedora do III W25 Cidade de Ourense co seu triunfo por 7-6 6-4 ante a portuguesa Francisca Jorge.
Prometía a final entre as dúas primeiras cabezas de serie e non defraudou. A xogadora de Guimaraes comezou máis forte, adiantándose 4-2 no marcador. Con todo, Pattinama tivo unha excelente serie de xogo, chegando 5-4 e 30-0 ao seu favor. Unha dobre falta a destempo xunto co bo facer de Jorge impediron que o primeiro set se pechase nese décimo xogo. O desenlace tivo que esperar ao tiebreak, dominado de principio a fin pola neerlandesa, que o levou por un parcial de 7-1.
Con experiencia nos grandes escenarios do tenis mundial, Pattinama empuxou ao comezo da segunda manga para tentar despegarse definitivamente, pero a portuguesa levantou un 0-40 no seu primeiro xogo ao servizo. Foi aprazar o inevitable. A primeira favorita conseguiu minutos despois unha vantaxe que non ía deixar ir.
A tenista de Rotterdam súmase así ao palmarés do torneo á bielorrusa Kristina Dmitruk (2022), que este ano non puido asistir á competición.
Na entrega de premios, Pattinama declarou sentirse moi cómoda durante toda a semana nas pistas do Club Santo Domingo.
Normalmente, esta semana estaría en Nova York para xogar o US Open. A súa clasificación actual non lle permitiu xogar a previa desta edición. Un título e 50 puntos da WTA son unha boa bagaxe para compensar a decepción de non xogar o cuarto Grand Slam da tempada.