As piscinas de Monterrei estarán dispoñibles en 2023 grazas a tramitación urxente das obras que restan para rematar a primeira fase do parque acuático
Esta primeira fase foi desenvolvida parcialmente de novembro de 2021 ata maio de 2022 -cun avance de obra do 27,84 %- cando o contrato foi resolto por mor da crise
Santiago, 4 de novembro de 2022.- O Consello da Xunta vén de dar luz verde ao acordo polo que se autoriza contratación, polo procedemento aberto, tramitación urxente e anticipada de gasto, das obras de construción da primeira fase do Parque Acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei cun importe de máis de 5,7 millóns de euros (5.717.988,29 euros). O novo contrato terá un prazo de execución de oito meses.
O Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei, situado no Concello do Pereiro de Aguiar a 10 quilómetros da cidade de Ourense, ofrece un marco idóneo para a organización de actividades lúdico-deportivas no medio natural. O complexo conta cunhas instalacións deportivas e acuáticas inauguradas no ano 1985 que a día de hoxe necesitan unha remodelación e actualización profunda.
Neste proceso de renovación preténdese integrar dúas zonas diferenciadas pero complementarias. Por unha banda, a zona deportiva foi inaugurada no pasado mes de marzo de 2021 e contou cun orzamento de 1.022.866,17 euros para executar unha pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track. Por outra banda, a zona do parque acuático desenvolverase en catro fases. Esta primeira fase do parque acuático, cuxo proxecto foi redactado por Naos 04 Arquitectos, SLP, foi desenvolvida parcialmente de novembro de 2021 ata maio de 2022, cun avance de obra do 27,84 %. O devandito contrato foi resolto por mor da crise, a alza de prezos no sector da construción e a imposibilidade de continuar coa execución nos termos previstos inicialmente. O obxectivo deste novo contrato é que a zona de piscinas -infantil e tobogáns- estea aberta antes da tempada estival de 2023.
As obras desta primeira fase do parque acuático de Monterrei consistirá na creación dunha nova zona de acceso á parcela e dun aparcamento; finalización da construción dun novo edificio de acceso ao complexo, con vestiarios, zona de administración, oficinas e espazos servidores; creación de espazos abertos, prazas e sendas peonís para a organización das circulacións e mobilidade do complexo; nova zona de xogos acuáticos para idade infantil, xunto con edificacións de servizo asociadas e equipamento necesario; finalización da reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando e rehabilitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns, xunto con edificacións de servizo asociadas; rehabilitación das edificacións existentes no complexo; creación de novas zonas de lecer xunto a elementos de cubrición e sombra asociados; así como a dotación de novas instalacións de saneamento e abastecemento, con acometidas polivalentes en diferentes lugares do complexo.
Actividade física e lecer
O proxecto de reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei contará cun orzamento total que roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense. A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano.
O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.