Nova
26/01/2023
Institucionais

A plataforma DAFIS segue a ser exemplo na comunidade internacional grazas ao traballo do deporte galego co doutor Francisco B. Ortega

DAFIS, forma parte do proxecto FitBack Europe, sendo ademais recoñecido como un caso de boas prácticas con conexión entre o traballo desenvolvido polos profesores de Educación Física e os servizos de pediatría, para o seguimento da saúde nos escolares

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe un encontro de traballo con Francisco B. Ortega, catedrático da Universidade de Granada e principal experto do proxecto FIitBack Europe, ‘Rede Europea de Apoio ao Desenvolvemento de Sistemas de Avaliación e Monitorización da Condición Física de Nenos/as e Adolescentes’, que aglutina a maior base de datos de Europa sobre a condición física en adolescentes. Ademais do seu longo currículo, o doutor Ortega é o único investigador español seleccionado pola OMS para a elaboración das recomendacións mundiais de actividade física. Francisco Ortega impartirá asemade unha conferencia na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña baixo o título ‘Condición Física na infancia e adolescencia, como potente biomarcador de saúde’.

A plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia é un exemplo de coordinación entre diversas entidades co obxectivo común da mellora da saúde dos escolares galegos a través de práctica regular da actividade física e deportiva. DAFIS, forma parte do proxecto FitBack Europe, sendo ademais recoñecido como un caso de boas prácticas, xunto con Eslovenia, como as dúas únicas rexións -Galicia a nivel rexional e Eslovenia a nivel estatal-, con conexión entre o traballo desenvolvido polos profesores de Educación Física e os servizos de pediatría, para o seguimento da saúde nos escolares.

FitBack permitirá predicir as tendencias futuras da saúde da poboación relacionando o risco para a saúde co estado de condición física. A rede FitBack desenvolveuse en colaboración con 10 socios europeos que levan moito tempo avaliando a condición física en escolares. Esta rede aglutina unha base de datos de diferentes países, contando con 10 millóns de datos de valoración da condición física en escolares.

Este traballo frutificou nun artigo na prestixiosa revista British Journal of Sport Science, a de maior impacto científico no ámbito das ciencias do deporte. Neste artigo establécense as referencias das probas de valoración de condición física baseadas en máis de 8 millóns de datos, entre os que se atopan os de DAFIS.

DAFIS

A ferramenta liderada pola pola Secretaría Xeral para o Deporte, a través a Fundación Deporte Galego, é un exemplo de coordinación entre diversas entidades co obxectivo común da mellora da saúde dos escolares galegos a través de práctica regular da actividade física e deportiva. Na actualidade, DAFIS leva realizadas preto de 46.500 avaliacións a preto de 26.000 nenos e nenas, amosándose como unha ferramenta de gran valor epidemiolóxico desde a súa posta en marcha, no ano 2012. Os centros galegos adheridos a DAFIS son máis de 140 e a a Xunta de Galicia leva formados a máis de 275 profesores en 14 cursos de formación no uso e manexo das diferentes partes das que se compón. O labor pedagóxico que se realiza nos centros educativos para que o alumnado incremente a actividade física no seu día a día é fundamental para acadar mellores niveis de saúde e benestar nunha época tan complicada e con tantos desafíos sanitarios.

Cómpre salientar que a plataforma DAFIS leva recibidos, nos últimos anos, unha gran cantidade de premios nacionais e internacionais entre os que destaca o recoñecemento da oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar, en 2018.

O vindeiro 10 de febreiro, en Santiago, será presentada a Guía DAFIS, ‘Valores normativos da condición física na poboación escolar galega’ coa presenza dun representante do grupo de Fran Ortega na Universidade de Granda, Jonatan Ruiz, e co xefe da Oficina Europea da Organización Mundial da Saúde (OMS) para a calidade en saúde (Atenas) e profesor da Escola Nacional de Saúde Publica (Lisboa), Joao Breda. Estas visitas demostran a importancia do traballo que se está desenvolvendo ao redor dos Proxectos de Vida Activa e Deportiva e a Plataforma DAFIS pola Xunta de Galicia.