Nova
08/08/2020
Institucionais

Remata o curso de adestradores deportivos nivel I da Escola Galega do Deporte que contou coa participación de máis dun cento de alumnos

Nas vindeiras datas realizaranse novas formacións que abarquen a outras federacións deportivas

Pontevedra, 8 de agosto de 2020-. Un total de 107 alumnos das federacións de loita, halterofilia, remo, kickboxing, boxeo, taekwondo e karate veñen de rematar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o curso de adestrador deportivo nivel I que organiza o Centro Público Escola Galega do Deporte en colaboración coa Unión de Federacións Deportivas Galegas e das federacións implicadas. En total, o curso realizouse ao longo dun mes e medio intenso de formación teórica e práctica en liña, xunto coas práctica desenvoltas no CGTD e as tarefas individuas realizadas baixo a titorización do profesorado.

A convocatoria de exame ordinaria desenvolveuse hoxe en horario de mañana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en quendas de máximo de 25 alumnos por aula conforme están establecidas as medidas da Covid-19 en Galicia. A convocatoria extraordinaria de exame se desenvolverá o vindeiro 12 de setembro.

O exame de dúas horas de duración avalía os contidos das catro materias deste nivel (bases de comportamento deportivo, primeiros auxilios, actividade física adaptada e discapacidade, así como organización deportiva). Unha vez superado o bloque común do curso de adestradores deportivos de nivel I, o alumnado desenvolverá a parte específica e a parte práctica coa súa respectiva federación obtendo así o título de adestrador nivel I.

Bloque común de nivel I a distancia

A Escola Galega do Deporte, centro público da Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa UFEDEGA, promove e autoriza os ensinos deportivos no período transitorio que desenvolven as federacións deportivas galegas, conducentes á obtención do diploma de adestrador deportivo de Nivel I, II ou III do deporte correspondente.

O bloque común de nivel I a distancia, o curso está deseñado para que en 5 semanas o alumnado, coa axuda dun profesor e utilizando esta plataforma virtual, consiga os coñecementos teórico-prácticos sobre os catro módulos de contidos: bases de comportamento deportivo (20 horas), primeiros auxilios (30 horas - 10 delas en sesións presenciais prácticas), actividade física adaptada e discapacidade (5 horas) e organización deportiva (5 horas).

En total, 107 deportistas galegos formáronse nesta ocasión como adestradores deportivos de nivel I sen ningún tipo de custo, máis aló dos trámites burocráticos. Nas vindeiras datas realizaranse novas formacións que abarquen a outras federacións deportivas.