Nova
16/09/2022
Institucionais

A remodelación integral do Estadio do Couto continua con paso firme coa conformidade dos clubs

Os presidentes de ambos os dous clubs manifestaron o seu parecer que foi recollido pola Administración autonómica para concluír as actuacións no Couto de xeito óptimo para todos os interesados

Ourense, 16 de setembro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, vén de manter un encontro de traballo cos representantes dos clubs implicados na remodelación integral do estadio do Couto xa que son usuarios da instalación nos seus partidos como locais, o presidente do Ourense Club de Fútbol, Camilo Díaz e o presidente da Unión Deportiva Ourense, Fernando Currás.

Na xuntanza levada a cabo no edificio da Delegación Territorial, o mandatario ourensán trasladou aos representantes dos clubs o estado actual e os pasos a seguir na actuación comezada o pasado 11 de xullo de 2022 e que se estenderá ata o 10 de febreiro de 2023. Gabriel Alén insistiu en que a execución das obras sempre vai ter en conta a opinión dos clubs afectados e a súa preferencia. Neste sentido, na reunión analizáronse as distintas posibilidades de deseño para a nova grada que, en todo caso, respectará a identidade e a tradición do Estadio do Couto.

Os presidentes de ambos os dous clubs manifestaron o seu parecer que foi recollido pola Administración autonómica para concluír as actuacións no Couto de xeito óptimo para todos os interesados.

A actuación da reforma e ampliación do Couto foi adxudicada á UTE Proyectos y Contratas Covelo S.L. - Actividades, construcciones y voladuras S.L. e conta cun orzamento de 1,98 millóns de euros. As principais tres vías de actuación son intervencións de reparación e rehabilitación estrutural, destinadas fundamentalmente a asegurar e protexer as estruturas para incrementar a súa vida útil; obras de renovación ou posta ao día de carácter funcional, cuxo obxectivo son os elementos superpostos ás estruturas, principalmente mobiliario (asentos) e instalacións; e as obras de ampliación demandadas, que se circunscriben ao edificio administrativo situado no fondo norte e que permitirán organizar de forma totalmente independente os usos puramente deportivos daqueles de carácter administrativo-social e representativa que o estadio demanda.

Cómpre lembrar que tras a finalización desta primeira actuación, destinaranse outros 700.000 euros cun prazo de execución de 21 semanas para a renovación do terreo de xogo (céspede, rega, drenaxe…).