Nova
30/12/2019
Federativas

As remudas mixtas pechan a tempada de orientación

A I Carreira de Remudas Mixtas contra a Violencia de Xénero era a última proba do ano orientador

Betanzos acollía o pasado domingo a derradeira proba do calendario FEGADO 2019, a I Carreira de Remudas Mixtas contra a Violencia de Xénero, puntuable para o campionato galego da modalidade. O club Fluvial de Lugo facíase coa vitoria na categoría senior, seguido dos clubs Aromon e S.M Ártabros, quen recollían a prata e o bronce na máxima categoría. 

O club "O Pasatempo" organizaba a última cita da tempada no parque betanceiro que lle da nome, aproveitando ademais as zonas próximas da vila de Betanzos. Os equipos, que debían ser obrigatoriamente mixtos para puntuar no Campionato Galego, enfrontáronse a un percorrido cuxa duración superou os 30 minutos por posta nalgunhas categorías.

En categoría senior, o percorrido máis esixente e longo, o equipo do Club Fluvial, formado por tres atletas de categorías xuvenil, lograba o triunfo cun tempo acumulado de 1 hora e 9 minutos.  En segunda posición o conxunto do club AROMON finalizaba 10 minutos despois dos gañadores, malia liderar a clasificación durante a segunda posta da competición. Por último, o equipo da S.M Ártabros lograba o bronce chegando a meta 15 minutos despois dos vencedores. 

Nas categorías base, destacar o triunfo nas categorías infantil e xuvenil dos equipos dos clubs "O Pasatempo" e "ADC Arnela" respectivamente, Doutra banda, o "ADC Arnela" lograba o ouro na categoría Veteráns A mentres que Gallaecia Raid conseguía o triunfo en Veteráns B. 

Por último, aproveitouse a ocasión para faer entrega dos premios do ranking da tempada 2019 das tres ligas galegas da FEGADO: orientación a pé, orientación en bicicleta de montaña (MTBO) e raid. Destacar o triunfo global en O-Pé do club AROMON, mentres que o ouro por clubs en MTBO era para o Club Fluvial de Lugo

Agradecer o apoio do concello de Betanzos así como a súa aposta polo deporte de orientación, destacando que a cidade acollerá o Campionato de España de Rogaine 2021