Nova
27/12/2019
Institucionais

Resoltas as axudas a deportistas galegos de alto nivel 2019 que alcanzan os 403.800 euros, a contía máis alta da serie histórica desde 2011

Incrementa o número de axudas solicitadas, o de axudas resoltas e diminúe o de axudas denegadas

Santiago, 27 de decembro de 2019.- A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de facer pública a resolución das axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2019, baixo a denominación ‘AXUDAS DGAN 2019’ e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos deportistas galegos e galegas de alto nivel. A resolución está publicada na páxina web do deporte galego.

Nesta nova convocatoria acadouse un importe final das axudas resoltas DGAN de 403.800 euros, o que representa un 16% máis que o importe final resolto de 2018 (348.790 euros) e a contía máis elevada desde 2011. Ademais, tamén se incrementa o número total de axudas solicitadas, pasando das 282 na convocatoria de 2018 ás 328 na actual convocatoria, un 16% máis, así como o número de axudas resoltas chegando agora ata as 250 tras as 200 de 2018, un 25% máis.

Das 78 solicitudes denegadas (un 5% menos que en 2018), 17 foron por non ser DGAN, 11 por non presentar toda a documentación requirida e 50 por non acadar a puntuación mínima de 15 puntos en resultados deportivos.

A convocatoria de 2019 conta con seis tipos de axudas -Axuda DGAN 1, Axuda DGAN 2, Axuda DGAN 3, Axuda DGAN 4, Axuda DGAN 5 e Axuda DGAN 6-, que foron asignadas segundo os resultados deportivos acadados durante o ano 2018. Por tipo de axuda, cómpre destacar o incremento do número de Axudas 1 resoltas (10.000 euros) sendo estas as de maior importe que só acadan deportistas campións e campioas do mundo en categoría absoluta en proba olímpica ou paralímica, pasando de unha en 2018 a tres en 2019 -Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon), Francisco Pérez Carrera (atletismo paralímpico) e Nikoloz Sherazadishvili Sakvarelidze (judo)-. Ademais tamén se incrementan as Axudas 6 que se acadan por puntuación, cun mínimo de 300 euros ata un máximo de 1.500 euros, pasando das 61 en 2018 (37.290 euros) ás 104 en 2019 (72.300 euros).

A comunidade galega conta a día de hoxe con 435 persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel (174 mulleres e 261 homes), dos cales 11 (3 mulleres e 8 homes) son deportistas con discapacidade.

Co obxecto de mellorar a axilidade do procedemento e simplificar os trámites, nesta convocatoria presentáronse dúas novidades substanciais: a persoa solicitante poderá presentar a súa solicitude telematicamente e non será necesario que presente o Anexo 2-Certificado da Federación.

Novo decreto DGAN

Paralelamente a actividade ordinaria da Fundación Deporte Galego, a Secretaría Xeral para o Deporte continua traballando no novo decreto que verá a luz nos vindeiros meses e ten como obxectivo a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

Ademais, nese decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.