Nova
02/05/2020
Institucionais

A Secretaría Xeral continúa a elaboración do seu Plan de Continxencias con todas as federacións e traballa nun protocolo de apertura para o CGTD

Tras o pago a 16 novas federacións, a contía saldada xa sobe ata o 81,12% do total dos convenios, recibindo os seus pagos un total de 54 das 58 federacións e grazas a tramitación de xeito anticipado polo Consello da Xunta no pasado mes de decembro

Santiago, 2 de maio de 2020-. A Secretaría Xeral para o Deporte continua coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de judo, loita, piragüismo, hípica, a Liga Galega de Traíñas e a Asociación Clubes de Traineras. Con todas elas, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, avanzou a elaboración do Xunta Plan de Continxencias para planificar o futuro da actividade física e o deporte en Galicia. Como novidade, o secretario xeral para o Deporte informou que xa se está a traballar no protocolo para la apertura do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Nestas reunións, federacións e Xunta analizaron o estado do convenio de colaboración asinado entre os dous entes para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. Se o pasado mércores Lete Lasa trasladáballe á Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) que o total o 64,2% do total dos 4.277.683 euros destinados aos convenios coas federacións xa foi executado, tras o pago a 16 novas, a contía saldada xa sobe ata o 81,12% do total, recibindo os seus pagos un total de 54 das 58 federacións e grazas a tramitación de xeito anticipado polo Consello da Xunta no pasado mes de decembro.

Do mesmo xeito, estudáronse as posibilidades de resolver as competicións que quedaron suspendidas polo coronavirus ou o xeito de retomar a actividade deportiva con todas as garantías de seguridade. A todos os responsables, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, trasladoulles que “a actividade non poderá reiniciarse ata que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene e non se poidan producir contaxios”. En todo caso recórdase a todas as federacións que a actividade 6/16 escolar e federativa non será retomada ata o vindeiro mes de setembro, sempre e cando o permita a situación.

LGT e ACT

O secretario xeral para o Deporte mantivo unha xuntanza co presidente da Liga Galega de Traíñas, Javier Rodríguez, co que comentou os condicionantes para o desenvolvemento da Liga na presente tempada como a implicación dos concellos, os permisos, a situación dos clubs... Asemade, a Xunta de Galicia está en permanente contacto co Goberno vasco e cos organizadores da Asociación Clubes de Traineras, nomeadamente co seu presidente Borja Rodrigo, para continuar estudando a posibilidade do desenvolvemento da Liga e no caso de poder reiniciar a competición definir un protocolo de actuación.

Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas

O presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, adiantou ao secretario xeral que xa contan cun documento avanzado para a desescalada da súa modalidadede, tendo en conta todas as particularidades do judo. O documento en cuestión céntrase en primeiro lugar nunha primeira fase do judo como actividade física, sen necesidade de contacto. A segunda fase ocúpase do judo como actividade deportiva na que se contempla setembro como un posible prazo para poder realizar actividades a porta pechada. Tamén se analiza o judo desde a perspectiva da formación, da seguridade e da hixiene.

Federación Galega de Loita e Disciplinas Asociadas

O director técnico, Pablo Pintos, informou que a federación está traballando nun protocolo de desescalada xunto á Federación Española de Luchas Olímpicas y Disciplinas Asociadas y la Universidad de Toledo.

Federación Galega de Piragüismo

Durante a reunión mantida co presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, acordouse crear unha comisión bilateral para garantir as bases de futuro como garantía dos éxitos deportivos dos próximos años. Ademais trabállase man a man no protocolo de desescalada, como co resto de federacións, para elevar as propostas de toda a comunidade deportiva galega ao Consejo Superior de Deportes.

Federación Galega de Hípica

Ademais, o secretario xeral mantivo unha xuntanza coa Federación Galega de Hípica e o seu presidente, Federico Pérez Lago, co que analizou temas de importancia para a entidade galego como a súa situación económica ou a saúde dos cabalos. Ambos entes xa traballan no plan de desescalada e trasladar as demandas ao Consejo Superior de Deportes.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).