A secretaria xeral destaca “a calidade, a igualdade e a diversidade” dos deportistas do calendario de Coca-Cola ‘Galegos e campións’
Os 104 deportistas presentes nos calendarios desde 2012 suman “unha gran cantidade de éxitos”
A Coruña, 24 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na mañá de hoxe na presentación da sétima edición do calendario de Coca-Cola ‘Galegos e campións’ 2018. Alí, acompañada dos deportistas que son imaxe desta nova edición do anuario, a titular de Deporte galego salientou que estes novos doce deportistas son “doce representantes de elite do noso deporte, doce historias de retos, de desafíos, de vitorias e de éxitos”.
Con estes nove doce deportistas que son: Adrián Ben (atletismo), Paula Fernández (tiro olímpico), Tono Campos (piragüismo), Rodrigo Germade e Óscar Carrera (kaiak), Uxío Abuín e Inés Santiago (tríatlon), Mauro Rodríguez (natación), Patricia Juane (hípica), Lidia Parada (xavelina), María Belén Toimil (peso) e Alejandro Cid (ximnasia), os calendarios ‘Galegos e campións’ contan desde 2012 con 104 deportistas galegos que destacan pola súa “calidade, igualdade e diversidade”.
No acto que tivo lugar na sede coruñesa de Coca-Cola European Partners Iberia, Marta Míguez gabou a calidade destes 104 deportistas “representada cunha gran cantidade de éxitos”. Do mesmo xeito, destacou a igualdade presente na selección dos deportistas xa que dos “104 campións e campioas, a metade -51- son mulleres”. E por último valorou a aposta pola diversidade.
Ao fío desta idea, Marta Míguez agradeceu o apoio prestado ao deporte galego por grandes empresas como Coca-Cola e asegurou que este calendario “achega ás nosas casas e oficinas as fazañas realizadas por todos os nosos deportistas”. “Achega unha mensaxe de igualdade e de ánimo porque o deporte é para todos, é plural, non ten xénero, atende á diversidade e todos temos que crer que as nosas metas son posibles”. concluíu.